Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  UTENSILIOS QUE IDENTIFICAN A UN POBO ::
Terra e auga; materia e sustancia das cales o home serviuse, dende o comezo dos tempos para subsistir.

Campo e mar; terra laborable e masa de auga salgada, poñen os seus froitos á disposición do home, quen, para obtelos, pon da súa parte entrega e sacrificio.
Dende o comezo dos tempos, intenta atopar a maneira de dominar a terra e o mar, pero o seu encarnizado inimigo está no aire.
As condicións atmosféricas, o tempo, nin comprende da dureza e do perigo das actividades laborables, nin valora o esforzo do home que no campo é “de sol a sol” e no mar “non hai horarios”.


E a pesar de que os seus esforzos non sempre se ven recompensados, continuará librando, coa súa intelixencia e habilidade, o que se considera a batalla máis dura e longa da historia. Claro que tamén, campo e mar, amosan o seu lado máis doce, permitindo ó home gozar de agradables momentos, ben practicando a caza, a pesca, o deporte, un relaxado descanso, ou admirar a incomparable beleza que a natureza amosa a través de paisaxes únicas .

Dos centos de utensilios que o home empregou para subsistir dende sempre, non teríamos espacio nestas follas para nomealos todos. Non obstante, considero que hai tres por riba de todos os demais, e que chegaron ata os nosos días facendo a súa función: carro, arado e a gamela ou bote, utensilios que identifican moi ben ao noso país e a súa xente, ligados dende o principio dos tempos á terra e o mar.


  O ARADO E O CARRO ::
O ARADO

Do latín “aratrum”, significa: instrumento empregado na agricultura para labrar a terra abrindo regos o seu paso.
Aínda que, probablemente, o seu uso se remonte á época do Neolítico, hoxe en día seguen existindo culturas que asocian a súa creación a heroes e deuses.

Dende moi antigo, a sociedade baseábase economicamente na agricultura. Constituía a riqueza fundamental dos pobos, e eran a castaña e a landra , das cales se facía un pan de gran duración, o principal sustento das tribos que habitaban no litoral.

Xa no ano 2000 a. C. advírtese a existencia de grans de polen. As sementes que o vento traía doutras terras e depositaba nos campos, acababan dando froito, advertindo o home de que aquelas que quedaban en contacto co aire, daban escaso froito e morrían, en tanto que as que quedaban ocultas baixo a terra finalmente remataban desenrolándose. Advirte así mesmo, ó paso do tempo, que hai períodos máis fértiles para sementar (“quen en agosto ara, a súa riqueza prepara”).

Cando a necesidade obriga, a intelixencia desenrólase. O primeiro sistema consiste nun pao coa punta afiada para poder fundilo na terra, ou con outro en forma de curva, “lombado”. Con este, se en lugar de golpear o chan arrastrábase conseguíanse facer os regos. Aquí xurdiu a idea do arado, do que as primeiras formas, segundo din algúns investigadores, proveñen dos vales de Oriente Medio.


As dificultades, como era lóxico, comezaron a xurdir porque este sistema era bo para as terras secas e lixeiras, xa que removía unha capa superficial da terra, pero cando se trataba de chans húmidos e pesados necesitábase unha labranza máis profunda para que fose eficaz (“Labra ben fondo se queres coller pan abondo”). E xorden ideas de mellorar o sistema. Os romanos comezan a empregar o arado “simple” ou “cambela” (similar a un “bicheiro”). Aproveitan a “camba” (parte curva natural dunha árbore) ó que lle engadían unha “rella” de ferro, (de forma triangular) coa que se levantaba a terra e se abría o rego. Ata fai moi pouco aínda se empregaba nos montes do Courel, Ancares, Cebreiro ...

Sucédense as melloras coa aparición do “arado composto” ou “romano” (aínda cando polo visto xa o empregaban os celtas) que dependendo dos usos ós que se destina, presenta variacións. Este tipo de arado aínda se emprega hoxe, e del imos mencionar algúns dos elementos que o compoñen: rabiza, cheda, chavella, mexelo, rella, abeacas, seita ...

Transcorrendo o século XIII, Galicia atópase inmersa nunha profunda renovación dos sistemas de cultivo, e experimenta unha notable mellorade todos os elementos relacionados con isto. Comeza a empregarse o chamado “arado de vertedeira” cun sistema do que foron os pioneiros os mosteiros cistercienses que arraigaron na nosa terra a mediados do século XII.

Este moderno arado avantaxa ó romano en que rompe e voltea a terra, estando vinculado o seu uso do cabalo como animal de tiro. Ademais da mellora na forza do tiro, conséguese un perfeccionamento nos útiles manuais que se nomean como “ferramentas” debido o uso do ferro na súa fabricación. Sen embargo, este tipo de arado resulta impropio para aquelas terras que teñen unha reducida profundidade no chan laborable. A evolución continúa e aparece o “arado de discos” que supera o anteriormente citado, de vertedeira, xa que abranda máis a terra. Sen embargo, é nos séculos XVIII e XIX cando comezan os estudios para mellorar a súa labor, todo sobre ideas que xa expuxera Plinio no século I da nosa Era.

Dende a aparición dos utensilios, empregáronse numerosos instrumentos para realizar as distintas labores agrícolas: legón sacho, forcada, cambela, gadaña, fouces,... Hoxe continúan empregándose, pero o inexorable progreso trae consigo unha lenta, pero progresiva desaparición, o substituílas polas modernas: segadora, rastrilladora, subsolador, motocultor,... Máquinas que a pesares de servirse de máis cabalos, non sempre solucionan o problema, xa que por unha parte, o relevo galego, as veces, fai difícil o seu uso e por outra banda o seu custo é moi elevado. Isto fai que o antigo aínda se continúe empregando, pero menos (aínda, nalgunhas aldeas lucenses, poden verse arados dun so pao, sen abeacas -fourelleiras-).

Hoxe en día, aínda cando a agricultura non é tan fundamental, encerra unha gran importancia como fonte de alimentación. E para o agricultor, o arado; arcaico ou moderno, con novo ou vello nome, será sempre peza básica no campo.

O CARRO

O seu nome latín “Carrus”, significa: vehículo con rodas empregado para transportar obxectos. Empregábase xa na época dos celtas, Século VI a.de C., sendo, de sempre, o medio máis empregado polos labregos galegos. A súa supervivencia ata os nosos días é a proba máis irrefutable da súa extraordinaria utilidade.

Este vehículo, si se lle suman os aparellos, está formado por máis de cincuenta pezas que, salvo unhas poucas, son de madeira, e isto permítenos valorar e admirar a obra conseguida. Algunhas desas pezas son coñecidas como: fungueiro, cheda, soallo, lamia, eixe, tufo, pecho, cadea, cabezalla, camba, chavella, ollal, mión, espita, travesa, tilla, ferra ...

O feito de que as hortas estivesen próximas ás vivendas, supoñía que a terra destinada a cereais e viñedos, tiña que ocupar zonas afastadas das cercas que delimitaban as hortas, e para isto era preciso dispoñer dun medio de transporte para mover os froitos que se obtiñan da terra.

O home percútase de que mover o carro pola súa conta, era un traballo excesivo e comezou a empregar animais para que realizaran esa función, a cal pasou a depender das vacas, bois, cabalos, burros... quedando hoxe en día coa exclusiva, practicamente, a vaca e o boi. Animais estes de gran utilidade, e que non so axudan neste traballo concreto senón que ademais dan carne, leite (no seu caso) e esterco para abonar as veigas.

Este conxunto, carro e animal, ten as súa peculiaridades: carece de freos; non lle afecta a subida do combustible; velocidade controlada; precursores do descapotable;... potente, resistente, lento pero seguro... (foi usado incluso como ambulancia); o seu mantemento é pobre pero hai que ter, iso si, a precaución e previsión de cambiar a peza que o reclame. As súas rodas xiran ó mesmo tempo xa que se atopan fixas ó eixo (nalgúns casos, poucos, son independentes) de aí que os camiños tanto de terra como de pedra estean marcados pola súa rodaxe. Dependendo da ruta a recorrer, costa arriba ou abaixo, a súa carga é dianteira ou traseira. Ó levar moito volume de carga era normal que o carro escorase, e neste caso os veciños acudían en axuda ata poñelo a andar de novo.

Tamén se recibía axuda cando os animais non podían co peso, sendo necesario empuxalo ou traer outro animal máis. No verán, cas picaduras das moscas e dos tabáns, os animais saían disparados, sen goberno, producíndose algún que outro susto... Sustos que no plano humorístico, tamén se producían de forma moi directa, cando na noite de San Xoán os veciños cambiaban os carros de lugar; non significaba máis problema que ir a recolle-lo polo día e levalos de volta para as súas casas.

Pero algunhas veces aproveitábase a ocasión e, sen valorar o dano, servían de pasto para alimentar as fogueiras. O propietario do útil quedábanlle dúas cousas: alegrarse, por terlle quitado do medio un traste, ou lamentarse, se aínda lle era aproveitable. Neste caso, o seu estado de ánimo estaba baixo mínimos o ter que escoitar con frecuencia: “...Mi carro me lo robaron...” Aínda con isto, vantaxes e inconvenientes, , o propietario sempre amosou o seu desacordo co dito popular “...Cun carro e un burriño o home faixe rico...”. Pero é o progreso o que se amosa implacable.

O carro vai sendo substituído por modernos vehículos que facilitan as tarefas, ocasionando a transformación dos camiños, que se converten en pistas e desaparecendo, tamén, as típicas rodeiras. Na comarca aínda quedan camiños que conservan as rodeiras marcadas nas pedras como testemuña dese tempo que se foi. Na maior parte do país o carro xa desapareceu totalmente, algúns foron desfeitos para leña, outros están almacenados nos alboios, coa súa madeira podrecéndose, e uns cantos amósanse como figuras decorativas nos xardíns das casas. Ante este panoramas aínda quedan lugares onde as xugadas de bois e o carro se deixa escoitar: no Caurel, noutros puntos de Lugo e Ourense, así como, os derradeiros bois da Península do Morrazo que seguen traballando e facendo o seu cometido, conducidos por Moncho de Vilar (Beluso), e que cada ano colabora coa Asociación Cultural de Meiro, na sementeira e recollida do millo corvo.

Sigue en De chalanas, botes e gamelas ...

Autor do texto: Luis Chapela Bermúdez
Novembro de 2010

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados