Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  SEMENTE NOVA, O XÉRMOLO DO FESTIVAL INTERCÉLTICO DE MOAÑA ::

A escola de gaitas” Semente Nova “ de Moaña, foi unha entidade cultural que xurdiu no ano 1983 pola iniciativa do seu director, Xosé Xabier Blanco, coa única filosofía de ensinar a tocar a gaita aos mozos e mozas que quixeran aprender, tamén contaba cunha mestra de baile galego Isabel Rodríguez. Todo isto acontecía nos primeiros anos da democracia, como outras cousas.

As súas primeiras actividades que desenvolveron por diferentes locais, incluso na propia casa de Xabier, despois pasan o Local da Mocidade, situado na Martinga,  pero dado o seu crecemento constante tivo que trasladarse ao Alboio, antigo restaurante de Xil Ríos, onde compartían local coa banda de musica de Moaña, naquelas instalacións realizan todas as súas actividades. Aínda que a labor máis importante e a do ensino de todo o que representa a gaita, tamén cumpría outras variadas funcións socio culturais dirixidas sempre ao servizo da cultura en Galiza.


Xabier Blanco. Premio Cacarexo 2014.

Ao longo dos seus anos de experiencia, na escola desenvolvese un plan de estudios con técnicas pedagóxicas altamente cualificadas conseguindo un ensino educativo tanto en nenos coma en adultos. Todas as clases eran impartidas na nosa fala, o galego, sendo obriga dos alumnos expresarse e escribir en galego, como lingua oficial da escola, que naqueles anos estaba composta por máis de cen alumnos, cunha media de idade por baixo dos doce anos. A escola estaba aberta a todas as persoas que, dalgún xeito sentan inquedanzas pola cultura e as costumes da nosa terra, Galiza. A escola contaba cun taller de palletas e pallóns, onde se construía todo este material, que podía ser utilizado por todos os membros da entidade. A liña musical da Escola de Gaitas, Semente Nova de Moaña, coa súa gran orixinalidade, foi unha reivindicación máis  da capacidade creadora do espírito galego.


Parece ser que a súa primeira actuación foi no ano 1982, pola festividade de San Martiño, en un torneo de fútbol nas pistas do colexio de Abelendo, daquela o grupo estaba formado por dez compoñentes. Nos seus concertos, as pezas tradicionais así como a posta en escenario da banda de gaitas quentaba o ambiente ata facer que o publico participara na festa, xurdida do esforzo creador duns poucos, pero que axiña pertence a todos. O traballo máis grande que elaborou de cara o futuro foi o estudio e recollida de todo o folklore da península do Morrazo. Alguén escribiu no seu dia sobre este colectivo da nosa vila "Esta escola de gaitas vai camiño de chegar á coherencia que se renova dia a dia e que significa un bo camiño, e sobre todo a máxima esperanza nas novas vías da musica de raíz  galega ".  


  NO ANO 1995 NACE O 1º FESTIVAL INTERCELTICO DO MORRAZO ::

A principios de 1984 os alumnos xa chegaban os cen e a directiva lle plántea o concello a contratación fixa de mestre de musica , accede a petición de Semente Nova e convoca a praza que recae no mestre xabier Blanco. Nese mesmo ano xa e unha das escolas de gaitas máis numerosa de Galiza, actúa na maior parte da xeografía galega, sorprendía a súa xuventude e a súa calidade na musica. Espallaron o noso folclore tanto a nivel nacional como internacional, destacamos: O programa da TVG, Ruada. Festival Internacinal de Lorient. IV Romaría Internacinal ( Ponteareas). Festa das Letras Galegas, Moaña. Festa do Viño. Batalla de Flores, Vigo. Romaría Popular de Zas,  Coruña. Festa da Poboa do Caramiñal, Coruña. Festas Patronais, Moaña. Festas do Cristo, Cangas. Festival do Mundo Celta, Ortigueira. Participaron tamén varios anos no Entroido de Moaña, e outros que seguro nos quedan atrás. 


A partir da actuación no programa Ruada , da TVG, un representante do festival de Lorient na Bretaña francesa os invita a participar no ano 1985, onde obtiveron un gran éxito dentro do apartado de bandas, a pesares de que algúns nenos non puideron acudir pola súa corta idade. No 1989 volverían a este mesmo festival, esta vez coa formación completa e con gaiteiros solistas feitos na mesma escola como: Xosé Manuel Budiño, Ivan Costa , gañando o Macallan, agora nomeado Maccrimmom, considera un gran premio de gaitas, tanto a galega como a asturiana. Non podemos esquecer que desta escola aparte dos xa mencionados tamén saíu outro ilustre gaiteiro Anxo Lourenzo.


Carátula do programa do 1º Festival Intercético cun debuxo de Xabier Blanco

Despois de participar en festivais como invitados, no 1985 a asociación decide crear un festival propio, coa finalidade de organizar encontros sobre o folclore tradicional mundial e así como este colectivo Semente Nova, foi o promotor do que hoxe coñecemos como Festival Interceltico do Morrazo, que iso e unha honra que temos que agradecer veciños e pobo. Da man de Xabier Blanco o 15 de agosto nace o I festival Nocturno Celta do Morrazo, que así se chamaba. Neste primeiro festival ademais dos organizadores actuaron: Ricardo Portela , Lembranzas Galegas, Muxicas, Vai de Roda e Milladoiro. Foi moi ben acollido pola xente e iso deu pe para unha nova edición. O colectivo sacou nesta  primeira edición un folletín fermoso cun debuxo de Xabier Blanco, con un musico tocando unha zanfona.


Debido as enormes dimensións que estaba collendo o festival organizado en Moaña, a partires da terceira edición converteuse en un dos eventos folclóricos de Europa, e foi entonces cando o Concello de Moaña asumiu a competencia de organizalo. A escola de gaitas Semente Nova, cos poucos cartos que lle quedaran do festival , renovou os seus instrumentos mercando dous bombos, catro tamboriles, dous pandeiros, oito pandeiretas e cincuenta gaitas de madeira de buxo, con ronco e ronquillo fabricadas polo prestixioso artesán Xosé Seivane. Polo Festival Celta do Morrazo que eles crearon, pasaron ilustres e grandes artistas como : Semente Nova, Malladoiro, Chieftains, Alan Stivel, Na Lúa, Mestizai, Oskorri, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Budiño, Celtas Cortos, Anxo Lourenzo e moitos máis.

Desde aquela primeira directiva do colectivo, que estaba formada por varias persoas entre elas: Cándido Pena Vieitez, Jorge García Paz , Pablo Juncal Cruz, Ana María Portela, entre outros, coa colaboración e creación de Xabier Blanco, xa desde os primeiros pasos. Un feixe de éxitos que xa son parte da historia da musica do noso pobo, pois Moaña se entende doutra forma desde que apareceu a Escola de Gaitas Semente Nova, e aos feitos me remito.


A partir do ano 1992 e parece ser que por causas dunha nova xunta directiva con planeamentos máis políticos que culturais a asociación se divide en dous grupos, quedando Semente Nova con o material e contratando como mestre a Nazario González Moxenas, e a outra vertente  formando a banda de gaitas” Arestora “, mantendo como mestre a Xabier Blanco. Quizais como todo na vida as cousas acontecen por que non se escoita, por que non se fala, faltan palabras e sobra o demais. Foi con esta ruptura cando comezou o declive da asociación, xa nada seria igual. E o punto final foi a mala sorte dun dos seus compoñentes David, por mor dun acédente en Portugal. O demais xa máis ou menos e coñecido polos veciños, e a vida foi dando tombos sen parar, pero creo que era necesario facer este pequeno recordo a Semente Nova, xa que foi o primeiro alento musical de Moaña, de onde saíron grandes gaiteiros, que hoxe nos fan sentir orgullosos deste anaco do mundo chamado Moaña.

Autor do texto: Luis Chapela Bermúdez
Outubro 2015

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados