Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo

Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  XI SALON DO COMIC DE CANGAS 2007 ::
O Concelleiro de Xuventude de Cangas, Óscar Graña, presentou o pasado día 4 de Xullo o programa do XI Salón do Cómic de Cangas, que se desenvolverá entre o 16 e o 22 de xullo no Auditorio Municipal con entrada libre e de balde.

Graña explicou que o Salón “leva asociadas unha serie de iniciativas”, como o Obradoiro de Cómic para nenos dirixido polo debuxante e humorista Luis Davila, quen tamén participou no acto de presentación do evento xunto á técnica de Xuventude, Mercedes Lorenzo.

O edil nacionalista salientou ademais a convocatoria do Certame de Cómic, que culminará coa edición dos traballos na revista O Tebeo, a proxección de películas relacionadas con este eido e mais as charlas-coloquio con prestixiosos profesionais do sector, que estarán abertas a todos os asistentes.

Juanjo Guarnido, Juan Díaz Canales, Fernando Iglesias e Kenny Ruiz son os expertos que protagonizarán esta undécima edición do Salón do Cómic de Cangas, sen prexuízo dalgún outro que poida achegarse fóra de cartel.

Guarnido conta cunha destacada traxectoria intenacional como debuxante tanto de banda deseñada como de animación audiovisual, pois o granadino traballou en longametraxes de Disney como O chepudo de Notre Dame antes de editar en Francia a saga Blacksad, que se convertiu nun auténtico ‘best-seller’.

O madrileño Díaz Canales é o guionista desta exitosa publicación, aínda que tamén participa en series de televisión e longametraxes de animación como Astérix e os vikingos.

A representación galega no 11º Salón do Cómic virá da man do vilagarcián Fernando Iglesias, alias ‘Kohell’, que chega co aval da sonada historieta Impresiones de la Isla. Dende Alacante vén Kenny Ruiz, que creou numerosos álbums para distintas editoriais e obtivo diversos galardóns, entre eles tres premios no Saló del Còmic de Barcelona. Ruiz fixo interesantes incursións na animación para Disney Corp. e tamén en producións españolas como El Cid, la leyenda.


  Kiko da Silva presentará neste certame a revista BD Banda ::
O venres 20 pasaranse películas pola mañá e pola tarde, antes de que ás 19.00 horas chegue o recoñecido Kiko da Silva para presentar BD Banda, unha revista creada co fin de paliar a falta de canles para que os autores galegos pudiesen publicar as súas obras cunhas boas condicións gráficas e de maquetación.
Media hora máis tarde, impartirán as súas conferencias Kenny Ruiz e Fernando Iglesias, con debate posterior.

O sábado 21 haberá proxección matinal e a partir das 20 horas desenvolverase a charla-coloquio con Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales. Ás nove da noite terá lugar a firma de autores e a clausura, mentres que o domingo 22 permanecerá aberta a exposición.

Durante toda a semana exhibiranse nos monitores do salón as mellores series de animación.

A técnica de Xuventude, Mercedes Lorenzo, destacou que, ademais das obras dos autores convidados, a mostra deste ano reunirá uns corenta orixinais dos debuxantes que foron pasando polas once edicións do Salón do Cómic e que cederon os seus traballos ó Concello de Cangas. As librerías do sector terán tamén o seu espazo.


  Amplo programa e novedades no certame ::
A Concellería de Xuventude deseñou para esta undécima edición do Salón do Cómic de Cangas un amplo programa semanal que comeza coa inauguración o luns 16 no Auditorio, ás 19.30 horas. O martes 17 abriranse as portas ás doce do mediodía para iniciar o Obradoiro de Cómic, que malia ser gratuíto precisa de inscrición previa para organizar os grupos.

Luis Davila avanzou na presentación que traballará cos rapaces para “darlle vida” a un personaxe e “crear unha historia” mediante o debuxo e o guión. Destacou ademais que o Salón do Cómic de Cangas permite dar a coñecer autores internacionais de nivel e achegar ó público os seus orixinais. O mesmo martes, xa pola tarde, exhibirase un filme no Auditorio. Igual estrutura terá a programación do mércores 18, que se completa coa presentación do quinto número da revista O Tebeo e a entrega de premios do 9º Certame de Cómic. O xoves 19, tras os talleres e a proxección, vánselles facer caricaturas ós visitantes.

Acceder ó programa completo da XI edición do salón do comic.

DESCENTRALIZACIÓN E PULO Ó GALEGO

O Concelleiro de Xuventude, Óscar Graña, animou á xente a acudir ó Salón do Cómic de Cangas e manifestou a súa intención de darlle continuidade a esta “interesante iniciativa”, pero anunciou algúns cambios co fin de mellorala. Estas modificacións pasan por “impulsar o uso do galego” nas historietas, “sen menosprezar outras linguas”, e por “descentralizar” o evento, de xeito se traslade tamén fóra do Auditorio con exposicións noutros puntos do municipio ou actividades na rúa. As modificacións para descentralizar o Salón e impulsar a lingua galega son ideas que se porán en marcha nas próximas edicións.

Delmorrazo.com - Julio de 2007

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir esta web
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados