Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo

Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  A PRIMAVEIRA NO MORRAZO ::
Fror do toxo A vida, sol, chuvia, vento, orballo... a primavera en estado puro. Toxos, xestas, carrascos e estalotes, que deslumbran vestidos coas súas mellores cores iluminando os montes, os soutos, as carballeiras e as tomadas próximas.

Os froiteiros adornados con flores de diferentes cores: maceiras, pereiras, laranxeiras, cerdeiras, que deslumbran os ollos co seu manto branco.É tempo da sementeira na aldea de Meiro, onde a muller detrás do arado solta no rego, pausadamente con pracer, o millo corvo. Fermosa terra onde para sempre quedarán escritas as pisadas de Gallardo e Cabano, que xa son parte da memoria dos veciños do Morrazo.

Nas leiras máis pequenas medran as cebolas, patacas, ervillas, leitugas, xudías, tomates... Os días se agrandan na nosa primavera, e dan paso a romarías e festas: os Remedios, San Amaro, Santa Cruz e as XIX Primaveras do muíño de Fausto, en Coiro, que son unha avanzádella das romarías e festas tradicionais de todos os veráns no Morrazo.

HOMENAXE A CARMIÑA GRAÑA

E aínda hai tempo para outro tipo de actos, como a recuperación da Memoria Histórica e homenaxear a todas aquelas persoas que dedicaron moitos anos da súa vida a loitar pola liberdade do noso país, como a veciña de Cangas, Carmiña Graña, todo un exemplo para as xentes do Morrazo. Nesta ocasión foi un acto sinxelo na Casa do Pobo de Cangas, onde faltaban moitos representantes elixidos democraticamente, alí levouse a cabo unha homenaxe sinxela para honrar a Carmiña. Sentimentos e emocións que fixeron que a muller non fora capaz de conter as bágoas coa emoción do momento ¡Todo un exemplo!


  CHEGAN OS MAIOS FLORIDOS E DESCARADOS ::
Nesta época do ano, as fontes verten abondosamente, os regos, as presas e os ríos vólvense cheos de vida, pois a auga é sinal de fartura, para a natureza e para nós. Os paxaros andan inquedos buscando parella, e un lugar axeitado para construír o seu fogar, cantan as mellores melodías os paparrubios, merlos, siríns, chascos, rulas, xílgaros..., é a grandeza da nai natureza, que nestes intres desborda vida en cada instante e en cada esquina. O pasado día 5, tiven o pracer de mirar en Albariños (Tirán) á bubela, un paxaro dos máis fermosos, que hoxe se poden mirar polo noso entorno, xa que cada vez é máis rara a súa presenza, coñecido tamén como paxaro merdeiro, porque impregna o seu niño desta sustancia.

E como sen darnos conta chegan os maios floridos e descarados, enchendo de alegría camiños e eirados. Son días no que o tempo cambia axiña, sen pedir permiso, e de súpeto un ventiño fresco entra polos montes e polos soutos pousándose nas veigas e limpando o abafo das parroquias, dos barrios e o suor das facianas da xente.


A bubela ¿ Hai paxaro mais fermoso ?

Pola noite o orballo de ouro pousase nas puntas das herbas dos comareiros que a lúa ilumina, debuxando infinidade de cores, é a poesía da primavera, a que lle dá vida as terras do Morrazo, facendo que esta estación do ano sexa especial.

E para que non falte de nada neste primavera, estase a conmemorar o 40º Aniversario do Ano da Rebeldía (1968 Maio francés), naquel ano o mundo soñou coa liberdade para todas as persoas. Nos pasados días en toda Galiza celebramos o Día das Nosas Letras, este ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, un home que aportou moita a nosa cultura e a grandeza do noso país. Moitas persoas descubrirán a este galego por primeira vez, outros se acercarán un pouco máis á obra deste bo galego.

Ata o mar se contaxia da terra, e comeza a calmarse, anunciándonos que camiñamos cara o verán. Entón só queda vivir da mellor maneira a primavera no Morrazo.

Autor del texto: Luís Chapela Bermúdez
Maio de 2008

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados