Para facer un xergón precisábanse moitas follas. Dun ano para outro as follas gastábanse, de deitarse no xergón, e entón o que se facía, si se tiñan dous xergóns, era encher os dous nun, ou xuntar a folla vella coa nova.
Se o millo estaba algo húmido, púñano ó sol ou botaban as espigas a secar no forno, logo de ter cocido o pan, cando o forno xa non estaba moi quente e deixábano estar alí ata o outro día. A fariña do millo secado no forno aproveitábase máis porque non facía tanto salvado ó moerse mellor. Aínda que para facer as papas dicían que era mellor a fariña do millo máis verde.
Logo debullábase, ou degrañábase á man, cun carozo doutra espiga xa debullada. Os carozos ben secos valen para acender o lume, ademais de facer boas brasas para asar as sardiñas no verán.
Había quen tiña algún mecanismo de ferro para debullar o millo, e nalgúns sitios, como en Melide, mallábano nun malladoiro, que viña a ser un caixón grande con táboas de castiñeiro polos lados e por baixo as táboas estaban separadas entre si un chisco para que puidesen caer os grans . Este caixón estaba enriba de catro pes e debaixo puñan outro caixón de madeira para que caese o millo. Para mallalo facíano cuns paos curvados feitos de madeira de carballo.
O millo unha vez debullado, levábase metido en sacos a moer ó muíño e con esa fariña facían pan de bola mesturándoo con algo de trigo, papas de millo, empanada de millo que tamén se mesturaba con algo de trigo, bolos de pote, etc.
O que non levaban a moer e logo de darlle a metade, se eran caseiros ó amo, gardábase en huchas ou arcas feitas en xeral de madeira de castiñeiro. Antes de metelo na hucha cribábase erguéndoo no aire onde correse o vento para sacarlle os lixos ou morriñada. O millo e o centeo foron durante moito tempo o pan dos pobres.
Este traballo está explicado en tempo pasado, pois os cultivos de hoxe realmente xa nada teñen que ver cos de entonces. Non obstante, na nosa vila, aínda quedan algunhas ducias de familias que todos os anos sementan o millo nas leiras, mantendo viva esta tradición tan laboriosa. Outro tanto pasa cos muíños e outras tradicións noutro tempo cotiáns, que seguen esforzándose para manterse vivas.
Por todo isto, é un privilexio cando un mira a construcción dun palleiro no barrio de Broullón, por exemplo.
Autor del texto: Luís Chapela Bermúdez
Agosto de 2008