Os concertos da noite iniciaranse coa banda local J!T a partir das 22.30 horas. Este grupo do Morrazo propón un estilo achegado ó rock máis clásico, cunha coidada composición e sarcásticas letras cantadas en castelán. O folk tomaralle o relevo da man dos vigueses Travelers.
A Noite do Trasno continúa co plato forte da xornada, La Kinky Beat. A multicultural banda xestada en Barcelona volve ó Festival para celebrar o V Aniversario do evento do que tanto teñen disfrutado nas súas anteriores actuacións.
O ska vigués de Kógito pecha a primeira tanda de concertos antes da sesión Sound System.
A programación segue o sábado 12 de agosto con variados obradoiros e actividades para todos os públicos que se desenvolverán desde as 19.30 horas.
Xa pola noite, súmanse á celebración do V Aniversario dúas bandas que precisamente no 2001 actuaran na primeira edición de A Noite do Trasno e que sempre amosaron o seu apoio á continuidade do Festival. Quempallou abrirá a caixa das sorpresas antes da actuación de Soak & Convidados. O grupo punk do Morrazo recabou a colaboración dalgúns dos músicos máis senlleiros da zona para ofrecer un Concerto Especial V Aniversario que marcará sen dúbida a xornada.
A variedade de músicas non se detén e o Rock-Ska de Salida Nula fará vibrar ó público de A Noite do Trasno, antes de pechar os concertos co estilo mestizo dos galegos Banda Potemkin, formada por antigos compoñentes de grupos senlleiros da Galiza coma Os Papaqueixos. O Festival rematará cunha nova sesión Sound System.
SEMANA CULTURAL PARA PROMOCIONAR O MEDIO
Como cada ano, a Asociación Mozas e Mozos de Beluso preparou unha Semana Cultural previa ós dous días de Festival. A intensa axenda de actividades, que comezará o luns día 7 de agosto, terá como temática central a promoción do medio ambiente.
Do luns ó xoves, as praias de Beluso acollerán a partir das 19.00 horas actividades para os máis cativos: obradoiros, maxia, xogos… Ás 21.00 horas terán lugar as actividades para todos os públicos, que irán dende mesas redondas sobre ecoloxía e charlas sobre desenvolvemento sostible ata danza e proxeccións.