Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  UN ANACO DA HISTORIA RECENTE DE MOAÑA: O BAILE DE LESTON ::

Baile de Verán na parte traseira do Lestón
 

Todo comezou no ano 1953, hai cincuenta e nove anos. Señor Balbino Jalda Cancelas, coñecido por Lestón, era naqueles anos armador de barcos de baixura. Propietario duns terreos na entrada de Moaña, preto de o Pontillón, a marxe dereita da estrada. Estaba casado con señora Asunción, o matrimonio non tivo fillos polo que mantiñan unha estreita relación cos sobriños. Un deles, Evaristo Salgueiro Paz, tiña unha idea que levaba tempo rosmándolle na cabeza, era que naqueles terreos podíase facer unha sala de festas, unha novidade naqueles anos. Convenceu a o seu tío. Así deste xeito naceu a Sala de Festas Lestón de Moaña, que mantería a súa actividade durante corenta e seis anos. Pasados uns anos, o matrimonio acabaría adoptando a Evaristo coma o seu fillo.

Nos seus comezos o permiso que lle deron para comezar a traballar era de seis da tarde ata as dez da noite, un horario comprensible pois eran anos da dictadura. Na entrada do Baile estaba a bodega xunto cunha pequena cociña, o que máis se vendía era o viño do Rosal e tamén xerez con gasosa. O viño estaba en barrís de madeira. A pista de baile atopábase na parte central do inmoble, arredor dela había bancos de madeira a todo largo, neles sentábanse as mozas que despois irían os mozos a sacalas a bailar. Hai unha anécdota dun mozo, que comezou nunha punta do banco e rematou na outra e ningunha moza lle bailou.


Imaxe retrospectiva do Baile de Lestón

Os principais bailes o longo do ano eran o de San Vicente, o dos Quintos ou de Invitación e o de San Martiño. Nun segundo chanzo estaban o Baile dos Namorados, Fin de Ano, Reis, Martes de Entroido ( no que había premios para os mellores disfraces ) e o sábado seguinte era o Baile das Comparsas coa súa correspondente actuación. Nos bailes de entroido participaba xente de todo o Morrazo.

Estes bailes sempre estaban animados coas mellores orquestras do momento. Nos comezos foron os Capelláns, Novedades, Masillos, Xeniño, etc., máis para adiante Gran Casino, Montes, John Balan y los Janquis, os Satélites, e cada vez que os Magos de España viñan de xira percorrendo España, sempre actuaban no Lestón. Subliñar dun xeito especial ós Tamara, con Pucho Boedo, que nos anos de máis apoxeo do baile, sempre actuaban unha vez o ano, aínda hoxe se lembra os Tamara con nostalxia.

O Lestón vive o máximo esplendor nas décadas dos sesenta e setenta, é nestes anos cando deixa unha marca inesquecible na comarca e nos concellos dos arredores, incluso nas cidades de Vigo e Pontevedra, pois ata aquí chegaban artistas de primeiro nivel.

Evaristo Lestón decatábase que no verán o negocio afrouxaba, como tiña máis terreo pola parte de atrás do local, onde había froiteiros de toda clase e incluso un galiñeiro, decide facer unha pista de baile o aire libre, que se chamará o Parque.
A pista estaba cuberta por unha fermosa parra de viña que o cubría todo, curiosamente aquela parra estaba formada por unha soa cepa de grandes dimensións no seu diámetro.


  GRANDES CANTANTES NO CUMIO DAS SUAS CARREIRAS ACTUARON NO LESTON ::

Albano, na súa actuación en Lestón

Os veciños e persoas de toda a provincia, gozaron no Lestón coas actuacións de grandes cantantes no cumio das súas carreiras, como: Julio Iglesia, Rafael, Albano, Alberto Cortés, Lola Flores, Basilio, Nino Bravo, Xil Ríos, Regina dos Santos, Juan Vao ...

Grupos como: Los Bravos, Dúo Dinámico, Los Tres Sudamericanos, Los Pequeniques, Lone Star, Los Panchos, entre outros.

Así se entende que o baile de Lestón marcou unha época impresionante no pobo e en toda a comarca.

Rafael foi o último cantante que actuou no Parque, segundo contan, a pesares da fama que tiña, a súa actuación non conseguiu o éxito agardado. Como me contou Evaristo fillo, estes artistas viñan con todo pago, cenaban a base do mellor marisco na taberna de Lucha, ou na Afiladora, despois íanse en taxi a durmir o hotel a Vigo, e ultimamente a Cangas.

Lembra Evaristo que nesta época xa había Mirinda, Kas, Pepsi-Cola, pero non había neveiras, entón, tiñan que traer de Cangas sacos de xeo, para refrescar as bebidas que se poñían en cubetas, as neveiras chegarían anos máis tarde.

O mantemento do baile facíano a propia familia e algúns amigos, os traballadores nos días de función, eran persoas de confianza que xa levaban moitos anos traballando, como señor Blas, Amparo, Gabriel... Subliñar que no Lestón nalgunhas ocasións tamén se chegou a celebrar vodas, e dicir, o banquete, dado a súa amplitude e comodidade.

Sen ningunha dúbida moitos matrimonios de hoxe tiveron o seu comezo no Lestón. Quizais todo comezaba no baile de Invitación(o dos Quintos), cando había que ir a casa da moza e pedirlle os pais si a deixaban ir o baile co mozo en cuestión. Este era o único baile no que o descanso, os homes levaban as mulleres a taberna de Baldrojas a comer un bocadillo de luras ou unhas empanadillas cun vaso de viño. Segundo os Quintos do ano 1982, eles celebraron o último Baile de Invitación. Nestes anos o Lestón centrase nas orquestras e conxuntos galegos. O baile era o centro onde a xuventude ía descubrindo a propia vida, o mesmo tempo abríanse os ollos a Europa a través da emigración. En case medio século de vida era evidente que xurdiron milleiros de anécdotas que a xente viviu arredor do baile, este é un pequeno reflexo:

Nunha ocasión chegou un home ben vestido, a altura da porta da entrada revirou a solapa da chaqueta e virouna axiña, como si fora da secreta, como o porteiro quedara dubidoso, falaron cun garda civil para localizar o home, resultou que na solapa tiña unha chapa de pepsicola esmagada pegada nun cartón.

Unha veciña de Moaña, contoume que cando actuou Rafael houbera desmaios e todo, unha moza incluso lle tirou o sostén o palco, o preguntar por este feito, resultou que a do sostén daquela era unha nena de dez anos.

Este é un reflexo do que lle pasou algunha vez aos veciños de Vigo e Redondela cando perdían o barco. Era un grupo de amigos de Chapela, Carlos o Patarulo, hoxe edil de deportes en Redondela, Juan Santoro, o Chorras, empregado de Faro de Vigo e Antonio Villa, este con moita marcha, non era raro que subira o palco a cantar algunha canción acompañado da orquestra. Viñeron o Lestón como outras veces, pero esta vez cantaba Albano. Aquela noite perderan o barco, entón foron andando ata Domaio, alí colleron unha chalana, remaron ata Chapela, deixaron un letreiro na chalana dicindo que a colleran en Domaio e que avisaran o seu dono.

Outro veciño de Vigo, comentoume que a única vez que foi o Lestón foi cando coñeceu a súa muller.

Das poucas actuacións que tiven a oportunidade de mirar, gardo grato recordo da de Xil Ríos, cando fixo a presentación dun dos seus discos. Foi moi emotiva e con moito sentimento, lembro que o propio Xil se emocionou cando cantou aquela canción: “Nunha aldea el naceu, onde todo era miseria, pan de millo cando había, aquelo era unha festa, vello compañeiro ...” Seguramente naqueles momentos non fun eu só o que se lle puxo a pel de galiña, pois o baile estaba ateigado de xente.

Si hai algún cliente do Lestón que foi asiduo os seus bailes e que merece ser mencionado neste escrito é Bino de Che. Curiosamente moitas mulleres aprenderon a bailar con el, aínda que non o digan. O Lestón deulle tempo a ser testemuña dos cambios que estaban a chegar de fora e que influían na xuventude, así se puído mirar, aínda que foxe con malos ollos o primeiro mozo do concello que se atreveu a andar cun pendente na orella, foi unha revolución naqueles anos,hoxe é do máis normal, por certo, era de Berducedo.

O cambio entra tamén na música iso fixo que o baile comezara a súa andaina como discoteca, con música acorde cos tempos que corren, mantendo pequenos intervalos de música lenta. Entre finais dos oitenta principios dos noventa, a familia Lestón aluga as instalacións que irían pasando por distintos arrendatarios ata o 1999, neste ano pecha a porta definitivamente.

Pasado un tempo a familia vende o baile e todo o terreo que tiña para atrás a empresa Froiz. Atrás quedaban case medio século de actividade no pobo de Moaña, que se di logo. O baile de Lestón desapareceu dos nosos ollos (máis edificios) como lle pasou a outros inmobles emblemáticos do concello. O Lestón xa forma parte da historia de Moaña e de todas aquelas persoas que o gardan na súa memoria como algo especial, proba disto foi o que me dixo unha veciña que cando viu que o estaban derrubando, sentiu algo dentro dela, unha mestura de pena, recordos e nostalxia, o mesmo que seguramente sentiron outras persoas.

Autor do texto: Luis Chapela Bermúdez
Publicado en Enero de 2012

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados