Leo o periódico como tódolos días, e préstolle atención a unha noticia: O señor Juncal Gallego fai unhas declaracións sobre o imposto da auga e di:
“Millán, alcalde foráneo”. Párome, e releo con estupor “alcalde foráneo”.
Non me equivoquei, é o que pon ...
Marisa e Antonio 25 anos, Nuria 15, Elisa e Manolo máis de 30, Cándido 47,
eu 21 anos, e centos máis. Non é a nosa idade, non. E o tempo que levamos
vivindo en Moaña.
Aquí naceron os nosos fillos e fillas, aquí temos os nosos
amigos, aquí pagamos os nosos impostos, aquí votamos ... ¿ votamos ?
Tal vez este
señor queira quitarnos ese dereito, así como o dereito a opinar sobre Moaña,
a propoñer, a decidir.
¿ Qué debería facer para non ser “foránea” ? ¿ Tal vez unha transfusión de
sangue ?
¿ O meu fillo e a miña filla son de Moaña, ou teñen que pasar mais
xeracións ?
¿ Vai poñer unha proba para admitirme como moañesa ? ¿ Cómo non me
avisou disto cando me empadroei un afastado día do mes de maio de 1984 ? ¿ Ou
non ten amaño ?
¿ Vou a ser foránea para sempre, señor Juncal ? ¿ Ten vostede máis
dereitos ca min ?
Cando meu pai me pregunta si non quero volver para Pontevedra dígolle: Eu xa
son de Moaña ... Cando saio de Moaña e me preguntan de onde son, sempre
contesto “de Moaña” e explico onde está, e dígolles que é un pobo precioso
asomado a ría de Vigo. Hoxe sentín que me arrebataban ese dereito.
¿ De onde son, señor Juncal ? ¿ Debo dicir, cando me pregunten, que son
“foránea” ?
Tal vez este señor Juncal debería reflexionar antes de dicir
tonterías, e devolvernos o dereito a min, a Marisa e Antonio, a Nuria, a
Elisa e Manolo, a Cándido, a Millán e a tantos outros, a ser de Moaña.
Isabel Vázquez Rosales
¿ Veciña de Moaña ?
Delmorrazo.com - Septiembre de 2005