Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  FONTES E LAVADOIROS DO CONCELLO DE MOAÑA ::
Dende o principio dos tempos consideraron a auga como o orixe do universo, e principalmente para o desenvolvemento dos seres vivos de aí a súa importancia na natureza.

No concello de Moaña como no resto do país, as fontes e lavadoiros son similares nas formas, con máis ou menos adornos, unhas máis coidadas que outras...
Deste xeito atopamos espalladas polas cinco parroquias que conforman o noso concello un total de duascentas cincuenta fontes e douscentos lavadoiros. Este número importante do noso patrimonio local fala ás calaras da importancia que tiveron noutro tempo as fontes e os lavadoiros. Ata que chegaron as traídas de auga aos fogares, provocando o abandono destes lugares de encontro, así como, os camiños que nos levaban a eles.

Os lavadoiros maioritariamente sérvense da auga da propia fonte. Pode ser rectangular ou cadrado, primeiro está o pilón de pedra, despois as outras laxes en pendente apoiadas sobre o pilón, de xeito que a lavar a roupa a auga escorregue.


Fonte do Cristo en Paxarín
A auga chega o lavadoiro case sempre por unha canle de pedra ben traballada. Unhas veces é máis longa que outras, o normal é que o pilón sempre este máis baixo que a canle para que o auga chegue máis axiña. Na parte contraria por onde entra a auga o pilón, hai un burato ou tubo para darlle saída a auga sobrante, así sempre mantén a mesma cantidade de auga.

Subliñar que algunha destas canles que levan a auga ata os lavadoiros son verdadeiras xoias de cantería. Os lavadoiros do noso concello algúns están abertos, outros cubertos con tellado e incluso os hai con placas de formigón, como se acostuma a dicir, hai para todos os gustos.

As fontes nacen, ben de mananciais ou olleiros e tamén de minas, así xorden as variedades que temos na zona, que son as mesmas que se estenden o longo do país, fonte de cano ou fonte de cabaliño. A fonte de cano son as que están pechadas por un muro de perpiaño ou cachote con forma redonda ou rectangular, dentro ten un burato polo que sae a auga para fora, por un tubo de metal, plástico ou cemento. Despois están as fontes de cabaliño, que son as máis numerosas, estas xa teñen máis traballo, componse dun cano de forma cilíndrica, rebaixado pola parte de arriba para que corra a auga, e un ensanche no centro que permite que poida beber a xente. Dicir tamén que polos nosos montes hai unha importante cantidade de fontes de cano, as cales case todas contan con un pilón o seu carón, este exerce a función de almacenar a auga para ser usada en caso de incendios ou tamén para beber o gando que anda ceibe polos montes.

Este número considerable de fontes e lavadoiros que hai en Moaña, pódese dicir que a súa construcción varía moito, hai fontes moi sinxelas e outras ben traballadas con inscricións ou debuxos. O material empregado e maioritariamente a pedra, aínda que tamén hai bastante cemento. Nos lavadoiros lévase a palma a pedra, con algún caso de formigón. Esta riqueza etnográfica, que forma parte do noso patrimonio está moi vinculada a toponimia dos lugares onde se atopan, outras veces, teñen nomes fermosos como poden ser: “A fonte dos paxariños””A fonte do crego” “A fonte do xastre”... Estas construccións importantes para o desenvolvemento do pobo comezáronse a construír maioritariamente no século XIX e XX, hoxe séguense facendo fontes en lugares como parques e paseos, pero xa non son como aquelas.


  OS LAVADOIROS ::

Fonte e lavadoiro en Couso
O lavadoiro é unha construcción ó ar libre creada para o lavado da roupa a man, que en moitas ocasións forma parte do conxunto que encabeza a fonte, onde están as pías e pilóns. Está moi estendido por toda a xeografía galega e localízanse onde está presente a auga e próximo ós lugares habitados. Este espacio arquitectónico que acolle e dá abeiro ás mulleres para realiza-lo labor de lava-la roupa, manifestase en construccións que van dende a máis simple, a carón dun regato ou río ata lograr exemplares con coidada labor de cantería.

Entre as moitas variantes de lavadoiros, hai que diferenciar dous tipos principias: os que se constrúen á beira dun río ou regato e usan a auga que discorre naturalmente por aqueles, e os que precisan embalsa-la auga en estanques.

Os do primeiro tipo, que son os máis antigos, só dispoñen dunhas ramplas de pedra, rústicas na maioría dos casos, que permiten ás mulleres axeonlladas e cunha tina de cinc o lado, fregar e mergulla-la roupa na auga. Contaban cunha serie de corredoiras para acceder a eles, algúns tiñan un sinxelo tellado para gorecerse da chuvia.

O modelo máis común son os do segundo tipo que consiste nun gran pilón, algunha vez dous, feitos de pedra. A súa forma é rectangular, coroando as paredes do pilón que levan en todo ou parte do seu perímetro lousas inclinadas, ben pulidas para facilitar o lavado da roupa. Na maioría dos casos, dado o clima do noso país e o uso continuado do lavadoiro, este leva unha sinxela cubrición con tellado a unha, dúas ou catro vertentes, sustentándose sobre catro ou máis esteos de pedra.

Algunhas veces fórmanse entre dous deles un muro de peche para protexe-lo lavadoiro. Están construídos en zonas próximas ás fontes naturais que, en moitas ocasións aparecen dirixidas por unha canle construída tamén de pedra, que se ocupa de abastece-lo depósito ou tanque dende a fonte.

Hai lavadoiros que non teñen ningún tipo de cuberta, como se acostuma a dicir, están a intemperie.


Fonte do Rei
En xeral a súa construcción é moi coidada, sobre todo naqueles que están cubertos, en que figuran pezas de madeira e de pedra de gran calidade. As armazóns da cuberta, así como os esteos de pedra que a soportan teñen, tanto no deseño como no seu labor de acabado, unha sorprendente calidade e beleza, tamén atopamos cubertas feitas en placas de formigón, devalando a obra no seu conxunto.

O pilón é o núcleo principal. As súas dimensións están en función do grandor que oscila entre 3 e 8 m. A súa planta é rectangular , anque non sempre, pode contar con dous pilóns, un pequeno e outro grande. Arredor del o piso vai empedrado e pode levar un muro perimetral e escaleiras de baixada ó recinto, que está a un nivel máis baixo do terreo natural. As columnas de pedra, dunha soa peza, ou de anacos en pezas ben conformadas, poden ter unha altura de 6 m. Sobre eles descansan os extremos das serchas da cuberta, feitas en madeira de castiñeiro ou carballo, con pontóns e ripas sobre as que vai o tellado.

Cando o lavadoiro forma parte do conxunto que lidera a fonte, sitúase nunha esquina co obxecto de que a auga que saia del poida aproveitarse para regar terreos próximos ou desembocar nalgún río. Nos outros casos en que aparece con fasquía propia, danse casos en que están feitos cun só traballo de pedra.

Nestes recintos de gran contido sociolóxico e etnográfico, prodúcense manifestacións diversas como cantigas, ditos, refráns, ...
Moitas conversas, rifas e maledicencias tiveron os lavadoiros de testemuñas cegas ó longo dos tempos, e segue a ser así nos moitos que aínda cumpren a función para a que foron feitos.

A mistificación que se fai dos lavadoiros é grande, aínda que hoxe no noso concello, podemos atopar algúns que mesturan a madeira co formigón, sen ningún tipo de compaixón

Por outra banda outros exemplares de pedra, merecedores de mellor sorte, pois as veces incluso co súa limpeza sería suficiente para que non se desfixeran ou desapareceran. Tamén dicir, que algúns lavadoiros, dos moitos que hai, teñen unha boa conservación e gozan do respecto da xente polo seu pasado, onde viviron un feixe de anécdotas e vivencias. Como di algún vello, antes os lavadoiros era o lugar onde un se decataba das noticias do pobo e dos arredores, algo así coma un xornal sen papel.


  DITOS E REFRANS SOBRE FONTES E LAVADOIROS ::
A fonte deita a auga mansa que nunca cansa
A fonte onde vive unha moura, moito atesoura.
Na poza da fonte de cabaliño, enchoupase ben o liño.
Auga da fonte termal, alivia o mal.
Vento nas pontes, auga nas fontes.
Non hai río sen ponte, nin aldea sen fonte.
Fonte que está no camiño é dos veciños.
Bebe a modiño a fonte de cabaliño.
A carón dunha fonte, quero soñar que nacín para amar.
Se desexa saber o que pasa no mundo enteiro, vai a unha fonte con lavadoiro.

Seguramente que en este recorrido polas fontes e lavadoiros do noso pobo, quedara algunha sen ser nomeada, pois estas cousas pasan, nostante o que e certo e que están recollidas case que o cen por cen. Estas construcions que en outros tempos foron fundamentais para as persoas e os lugares onde se atopaban, hoxe están en un estado de abandono , tanto as fontes como os lavadoiros, cubertos pola maleza ,tellados rotos, camiños de aceso perdidos, sen sinalizar,e sen os nomes correspondentes .Esta situación dáse o longo de todo o concello, e so un porcentaxe moi pequeno están dignamente presentables.Dicir tamén que en este recorrido polos lavadoiros que dei sorprendido en algúns, pois algunhas mulleres seguen lavando como anos atrás.

Descubrimos neste traballo que algunhas fontes xa se perderon, xa fai tempo. Tamén atopamos olleiros espectaculares, con moita auga que non están a ser aproveitados, e nos amosan que Moaña enteira é auga e frescura, dende o monte ata o mar.Temos un patrimonio de fontes e lavadoiros impresionante, que so piden que seilles lave a cara, que se poñan en valor, e para iso non e preciso grandes presupostos.

Esta riqueza cultural e etnográfica ciscada o longo de todo o concello, ten un valor a maiores na toponimia de Moaña, e que os veciños deben coñecer.

Arquivos relacionados: Inventario de fontes e lavadoiros de Moaña

Autor do texto: Luís Chapela Bermúdez
Agosto de 2010

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados