Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo

Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  FESTAS E ROMERIAS ::
Danza e Contradanza na festa de Darbo Un dos temas da nosa cultura popular tradicional que aínda vivimos hoxe é o das festas e romarías.

En Galiza perviviron ata ben entrado o século XX as festas do ciclo anual, inmersas no seo dunha cultura eminentemente rural e nunha sociedade “tradicional”. Nas aldeas galegas, a familia era a unidade primaria de producción e reproducción.

Segundo o estudioso González Reboredo, nesta sociedade os cambios tanto a nivel político como social ou relixioso, fóronse dando dunha maneira sistemática e isto foi causa da transformación que sufriu esta sociedade semi-rural ou pre-industrial en moitos dos aspectos da vida cotiá.

Os comportamentos sociais en canto a crenzas, valores e sentimentos relixiosos fóronse adaptando e transformando co transcurso do tempo e houbo unha evolución social que influíu tamén na cultura popular do pobo galego e nas festividades anuais.

Unha das funcións das festas é a de marcar os ritmos do tempo, é dicir, os tempos “ordinarios” de traballo e os tempos “extraordinarios” ou de descanso e ocio, aínda que ás veces as diferencias entre un tempo e o outro non quedan ben delimitadas.

Ademais do tempo, estea este marcado polo home ou pola natureza, no que atinxe ó tempo meteorolóxico ou ás estacións, os ciclos festivos están marcados tamén polos sistemas relixiosos que establecen períodos de ledicia ou xúbilo e de pranto ou tristura. Deste xeito a Igrexa, nos últimos dous séculos, na nosa sociedade marcou as festividades e o tempo de dedicación relixiosa ou de descanso do traballo cotián, delimitando así os ciclos festivos.


  HAI QUEN DI QUE GALICIA E TODA ELA UNHA FESTA ::
Hai quen di que Galiza é toda ela unha festa, por algo será, quizais non lles falte razón. As festas máis importantes do ciclo anual son:

NO INVERNO:
a festividade de Todos os Santos e Defuntos, logo o San Martiño, o Magosto, Noiteboa, Nadal, os Santos Inocentes, Aninovo e Reis. Ademais algunhas festividades importantes na nosa tradición popular como poden ser o San Vicente, San Brais ou a Candeloria. Logo o Entroido e a Coresma, que comeza co Mércores de cinza e culmina coa Semana Santa, San Xosé e a Pascua.


NA PRIMAVEIRA E VERAN:
Na primavera e verán: Os Maios, o Corpus, o San Xoán, e as festividades propias das segas, as mallas, as recolleitas da pataca, do millo, do trigo ou da uva e logo as distintas celebracións da maioría de festas patronais e romarías. Entre nós e de todos coñecidas son: Os Remedios, San Pedro, San Bieito, O Carme, Samertolameu , a Peregrina, San Lourenzo, Os Milagres, San Martiño, Santa Vaia,... todas elas teñen moito arraigo na nosa vila e moitos anos de tradición. Non quixera esquecerme da romaría do Remeiras, San Xoán, festa da Xunqueira, das Carballas, de o Con, e outras que me quedan atrás. Todas estas festas teñen a súa propia gastronomía, cantares e costumes.

Hai moitas outras festas profanas que non se poden considerar romarías e tampouco teñen que ver coa relixión, pero si teñen marcadas raíces populares. Sobre todo no verán abundan por toda a xeografía galega, podemos nomear algunhas destas. A Festa da Istoria, en Ribadavia, Betanzos ou outras; a festa do queixo de Arzúa-Ulloa, de San Simón e outros. A rapa das bestas, en Sabucedo ou en calquera curro dos que se fan por toda Galiza. A festa do pemento de Herbón en Padrón ou do pemento en Arnoia. A festa da ostra en Arcade, do marisco no Grove, da navalla en Fisterra, do percebe en Corme, do polbo no Carballiño, do cocido en Lalín, do pan de Cea ou de Ousá, ou dos viños, por exemplo, a do viño albariño en Cambados, que é a máis antiga de Galicia, .... e non remataríamos nunca de nomealas todas dado que hai unha festa para exaltar cada producto gastronómico derivado da terra ou do mar e por moitos acontecementos sociais. Unha mostra de todo isto atopámola no noso concello, onde se levan a cabo a festa do Mexillón, a festa/feira da Costeleta, a Semana do Mar, o Magosto, as Filloas do Antroido, sen esquecernos de cando se facía o carneiro o espeto na Carballeira de Bronlle, ou mesmo a rapa das bestas, que hai dende un par de anos se ven celebrando nos nosos montes.

Algunhas delas son festas de recente creación e outras teñen unha longa tradición, pero de todas despréndese unha fonda relación coa cultura popular galega. Están enraizadas no sentimento popular, e hoxe en día estanse a recuperar algunhas da tradición antiga. Para entendelas, o mellor é vivilas en persoa, a todos lados está claro que non se pode chegar, pero si que se pode acudir a algunha das máis significativas. Para isto un pódese axudar das guías sobre o lecer e a cultura de Galiza que se editan anualmente. Todas estas festas e romarías están moi vivas na nosa terra aínda que foron evolucionando segundo cambiaron os tempos, e non era para menos.

Autor del texto: Luís Chapela Bermúdez
Xullo de 2008

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados