Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo

Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  CATRO XERACIÓNS, ENTRE BARCOS E BATEAS ::

Luis Rouco á beira do mar
Luís de Rouco, herdou do seu avó e especialmente do seu pai, a fermosa profesión de carpinteiro de ribeira.

A pesares de nacer un pouco lonxe da beira do mar (Pozonegro 1930), pouco tempo agardou para poñerse a traballar a súa beira.

Tiña dez anos cando comezou co seu pai no taller de señor Pedro o Casqueiro, alí aprendeu o oficio ata que cumpriu os vinte anos.

Entón mercou un taller de ribeira, no lugar de Chafarro, en Meira. Alí estivo sete anos, pero antes aínda fixo un barco no taller de Casás, na Xunqueira.

No novo taller desenvolve todo tipo de traballo que se pode dar nun taller de ribeira, constrúe todo tipo de barcos (ardora, lanchas, gamelas, barcos de bateas ...)

Recorda Luís que daquel taller saíron a volta de cincuenta barcos. Hai un feito moi curioso digno de subliñar, pois cando afundiu o “ Ave del Mar ” , de tráxico recordo para o noso pobo, pois foi un dos naufraxios máis grandes da ría de Vigo, o señor Leta, dono do barco fíxolle o encargo a Luís de Rouco para que lle fixera outro, que quedou no sitio do que afundira, chamábase “Lucero del día”.

Naquel tempo tamén fixo barcos da ardora para don Ramiro o da farmacia, Antonio o Polveiro, así como, para a familia Veiga, entre outros. No taller eran tres obreiros, e cando fixo o barco de Leta, foi cando o seu pai, señor José, que quedara na de Casqueiro, veu a traballar para o taller do fillo en Meira.


  ROUCO ESPECIALIZASE NA CONSTRUCCIÓN E REPARACION DE BATEAS ::
A partires daquel ano foi cando solicita unha concesión en Obras del Puerto de Vigo, concedéndolla no mesmo lugar, entre a praia da Xunqueira e a illa do Samertolameu.
Neste novo taller aínda constrúe sete barcos parra os bateeiros de Moaña.
No ano 1975, deixa de construír barcos definitivamente, e comeza a especializarse exclusivamente na construcción e reparacións de bateas.


Batea en el taller de Rouco

As primeiras que fixo eran cos cascos dos vellos barcos sardiñeiros de Moaña que xa estaban para o desguace, entón aproveitábanse para montar as bateas enriba deles. Cousas da vida, os carpinteiros que o principio construían os barcos, despois tamén os transformaban para bateas.
O casco cubríase totalmente de cemento por fora, despois se poñía o emparrado de madeira de eucalipto, con varas de ferro agarrando os catro pontóns mestres que ían de pé na armazón, despois amarrábanse as cordas nos pontóns e xa estaba lista para deixar a batea no mar.

Facer este tipo de bateas, que foron as primeiras que se comezaron a montar na ría, levaban arredor de vintecinco días de traballo. Nesta mesma época xa se comeza a montar bateas cadradas, que tiñan entre dez e doce metros de largo, e cinco metros de ancho, o sistema era moi similar ao que se empregaba cos cascos dos barcos.

Este sistema de bateas emprégase ata entrados os anos 80, a partires de alí comezan a montar bateas con flotadores de ferro, revestidos con poliéster, e armazón ou parra de madeira por riba. Este modelo é o que aínda se emprega hoxe en día.

Recoñece Luís, que hoxe o traballo cambiou moito, pois montar unha batea actualmente lévalle oito días a catro homes, antes era todo a man e había que mover as vigas grandes ao lombo, era un traballo inmenso. A madeira para facer os barcos e as bateas saían dos montes de Moaña, e traíase en carros de bois ata o taller, durante varios días.

Segundo os cálculos de Luís de Rouco, experto na materia, a madeira que se precisa para construír unha batea, divídese da seguinte maneira, e por suposto, sempre de eucalipto:

  • Seis vigas mestras de vinte metros de corenta por corenta centímetros.
  • Dez vigas de vintesete metros de trinta por trinta centímetros.
  • Catro vigas de vinte metros de trinta por trinta centímetros.
  • Seis metros cúbicos de pontóns de dez por nove centímetros, en total son arredor de     sesenta metros cúbicos de madeira o que se precisa para construír unha batea.

    Recorda que nos anos 70 construíu a primeira batea de poliéster para o cultivo de ostras, aquela foi toda montada a man, pois aínda non había maquinaria.

    A familia Rouco, tradicionalmente de profesión carpinteiros, chega aos nosos días exercendo esta profesión á cuarta xeración, pois hoxe, Xosé Luís, fillo de Luís, é quen atende o taller de ribeira dedicado por completo á reparación e construcción de bateas.

    Traballo, vai habendo algún, recoñece, tamén amparado pola situación do taller, onde as bateas poden chegar a vararse case en terra, feito este que é fundamental para desenvolver este traballo, despois para levala para fora, agárdase que haxa unha preamar un pouco grande. Pero Luís, hoxe con setenta e sete anos, mira para atrás e dáse conta da cantidade de talleres de ribeira que había por toda a costa do noso pobo, e sacando algúns que se contan cos dedos dunha man, desapareceron todos, de aí o gran mérito das persoas que aínda traballan e aguantan con moito sacrificio e dignidade, nesta profesión.

    Autor del texto: Luís Chapela Bermúdez
    Outubro de 2007

  • Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

        Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
           Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
    delmorrazo.com © Todos los derechos reservados