Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  DE CHALANAS, BOTES, GAMELAS E ARTES DE PESCA ::
O peixe é un dos alimentos máis antigos do home.
A súa antigüidade queda testemuñada nos “concheiros” que denotan a presencia de mariscos, como as ostras, as lapas, os mexillóns, percebes e espiñas de diversos peixes, deixando constancia de que as tribos do litoral sustentábanse a base de especies mariñas.

O home comezou obtendo, nas beiras e rochas próximas dos mares e ríos, o producto para o seu sustento. Pero o mar, na súa inmensidade, ofrecía unha inesgotable riqueza da que o home podía abastecerse.


Chalana amarrada na ribeira
Constrúe naves a base de armazóns de ramas de árbores, cubertas de peles cosidas e con este rudimentario medio chegan, incluso ata as costas de Irlanda. Non so a pesca, senón tamén o transporte, da lugar a perfeccionamentos no sistema e aparece a chalana (do grego “khelándion”, que significa barco para transportar mercadorías en augas pouco profundas). Sinxela de manexar, ancha, coa súa proa aguda, triangular, popa achatada, rectangular, e fondo plano, resulta dunha gran utilidade, sobre todo en navegacións curtas.

Estas pequenas embarcacións, duns dous metros de lonxitude e cen quilos de peso (hainas maiores) xa avantaxan os primitivos barcos ó poder transportar 200 quilos de carga, aproximadamente, utilizándose, indistintamente, para a pesca e o transporte. Como curiosidade citamos algunhas das partes desta típica embarcación: gateira, pés de amigo, sobrequilla, bancos toletes, estrobos, cinta, cadoira, corredores, bornes, patas, plan...

As melloras non se fan esperar e van xurdindo barcos axeitados ás condicións naturais de cada lugar. Na nosa tradición pesqueira, o barco representativo é o “xeiteiro”. O arte do “xeito” constituía o medio máis doado, cómodo e económico para a pesca da sardiña, unha especie que chegou a acadar fama universal e, no seu tempo, con denominación de orixe: “Sardiña do Morrazo”. Estes barcos, así como as redes, construíanse en Galiza, e os pedidos que se recibían de toda España, superaban calquera expectativa.

No ano 1200, a costa galega vese enriquecida coa aparición de vilas florecentes, debido ó auxe no sector pesqueiro: Ribadeo, Viveiro, Betanzos, Muros, Portonovo, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Redondela, Baiona, A Guarda,... e isto trae consigo que moita xente se dedique a outras actividades distintas ó traballo da terra, aínda que a maior expansión pesqueira prodúcese no século XVI.


  DENDE ENTON ATA HOXE ... ::

Bote polbeiro e bote xeiteiro
Dende entón e ata hoxe, as embarcacións que cruzan os mares, móvense dentro dunhas cifras (eslora, manga, capacidade de carga, tara,...) que, realmente, impresiona.
Ó marxe dos transatlánticos e os iates, auténticos exemplos de tecnoloxía, comodidade e beleza, considerados “palacios flotantes”, as embarcacións construídas para realizar unha función puramente laboral, chegan a acadar cifras sorprendentes. Así, para abastecerse do que o mar agocha, poden verse barcos de pesca cunha eslora que supera os oitenta metros; cunha tara que acada os cinco millóns de quilos, movidos por vinte mil cabalos (tamén aquí o “cabalo” ten tarefa) e que poden almacenar no seu interior, ata dous millóns de quilos de productos do mar. Así como os dedicados ó transporte de determinadas mercadorías, que chegan a ter tal envergadura que xa os chaman “os monstros do mar”.

Aínda que os modernísimos sistemas tecnolóxicos dotan ós barcos de medios e sistemas cada vez máis complexos e seguros, o traballo no mar continúa sendo un risco. Risco que para sempre quedará recollido nun vello refrán mariñeiro que di: “Antes na corredoira nun chiolo, que no medio do mar nun barco novo”, facendo referencia á tranquilidade que supón levar un carro en terra e o perigo do traballo no mar.

Aínda así é unha profesión fermosa, pola súa variedade e complexo pola súa extensión, todo o que rodea esta actividade: a amplitude de aparellos; a extensísima gama de nos mariñeiros; as artes;das que recordamos, dende o primitivo anzol , ata a Almadraba (introducida polos fenicios) , cebo vivo, xávega, deriva, corricán, arrastre, palangre (o máis refinado para a integridade física dos peixes), cerco de xareta (declarado legal en España en 1833) e coñecido como Arte de Luz; os tipos de embarcacións: dende a mencionada chalana, ata a gamela, xeiteiro, dorna, traíña ...

O sector pesqueiro proporciona unha impresionante cantidade de postos de traballo e a flota española está considerada como unha das máis importantes do mundo, aínda que na actualidade a falta de caladoiros pona en perigo.

Tamén aquí, o progreso trae consigo a desaparición, pouco a pouco, das tradicionais e pequenas embarcacións a remo, aínda que sigue habendo quen se esforza por mantelas, tan sequera para continuar gozando de un medio que sempre lle apaixonará.
A evolución urbana, os espectaculares avances tecnolóxicos... traen consigo unha perda de identidade e o que constitúe un legado de xeracións pasadas, vese ameazado coa desaparición.

Por todo isto, en moitos lugares estanse recuperando e conservando aqueles “vellos cacharros” que, no seu día, foron os cimentos do que hoxe constitúe un pobo próspero e moderno. Habilítanse novas edificacións, antigos inmobles reconstruídos ou en casas particulares, que albergan útiles e utensilios que, noutros tempos, formaron parte da vida e da nosa historia como pobo. No caso que nos ocupa figurarían: aparellos de labranza, arreos de animais de tiro, pezas do arado, pezas do carro, artes de pesca, nos mariñeiros,... arados, carros, chalanas, hórreos, ...

Tamén hai que recoñecer que conservar o antigo supón un gasto, e case ninguén inverte en algo que xa non é útil, pero aínda hai quen loita por conservalo e mentres isto ocorra, esas “pequenas cousas” terán posibilidades de existir.

Moaña non foi allea a estes adiantos que foron chegando os poucos, para facilitar o traballo das xentes que en aqueles anos eran de semiesclavitude , tanto na terra como no mar. Como outras vilas mantivemos vivas e en activo os usos tanto do carro, co que se carretou todo tipo de materiais que se poida imaxinar ,o arado, labrouse practicamente todo o territorio incluso parcelas no monte , foi a alma das nosas sementeiras, curiosa mente estes dous trebellos teñen en común que son tirados por animais ,bois, vacas , ou cabalos, e foi a si ata fai uns anos , por suposto o bote ou gamela que aínda sigue sendo peza fundamental nos nosos maiores para a pesca da liña, tivo unha importancia fundamental no desenrolo de Moaña desde varios séculos atrás.

Foi o mar o elemento clave na nosa historia , configurando o noso pobo actual, polo tanto, e unha obriga non esquecer nunca as nosas orixes nin aquelas cousas que os nosos devanceiros lles axudaron na vida diaria, por que de eles viñemos nos.

Autor do texto: Luis Chapela Bermúdez
Outubro de 2010

Voltar a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados