Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo

Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  VICTORIO, SESENTA ANOS DE CARPINTEIRO DE RIBEIRA ::
Victorio traballando no seu taller O taller de Victorio, situado no Samertolameu, ven da época do seu tataravó, é dicir, chega aos nosos días con douscentos cincuenta anos de existencia.

É un dato curioso que o seu taller de ribeira aínda conserva as vigas centrais que aguantan o teito.

Naqueles anos chamábanlle o taller de Cabanelas, despois foi herdado por Victorio, pois é neto de Cabanelas.

A vida ten estas cousas curiosas, pois Victorio naceu en Meira o mesmo ano no que Franco deu o golpe de estado, que despois sufririamos tantos anos a xeito de dictadura.

Andou na escola de Pacheco, en Meira, e cando tiña dez anos, o saír da escola xa ía para o taller, pois gustáballe o oficio, e xa axudaba no que podía na construcción dos barcos. Rematou a escola aos catorce anos e foi a traballar con señor Eusebio, no taller que este tiña en Moaña, alí estivo un ano.

Despois foi para aquel taller que era coma unha academia de carpinteiros de ribeira, o de señor Pedro o Casqueiro, aquí vai perfeccionando o oficio, e como el recoñece, foi neste taller a súa mellor época, pois aprendeu moito.

A volta dun tempo, veu unha época que fallou o traballo, entón Victorio e máis seu irmán Sabino, marcharon a traballar para o taller de Marcelino, no Con, andaría polos dezaoito anos.


  NO TEMPO QUE ESTIVO NA "MILI" SEGUIU TRABALLANDO DE CARPINTEIRO ::
Chegoulle o momento de marchar para a Mariña, foi para Ferrol e despois para a ETEA en Vigo. No tempo que estivo na “mili” seguiu traballando de carpinteiro, reparou barcos e estivo a piques de facer un bote novo e grande, dos que se coñecían como “chinchorros”.

Ao cumprir a Mariña, volve a traballar na de señor Pedro o Casqueiro, onde axuda a construír dous grandes galeóns chamados “Nacoreta” e “Botina”, estes barcos andaron despois durante algúns anos transportando todo tipo de cousas dun lado para outro da ría.


Victorio en plena faena

Nesta segunda etapa vota dous anos no taller de Casqueiro. Pasado ese tempo un señor pediulle que lle fixera un barco no taller de Cabanelas, o do seu avó, entón Victorio vai para Meira e xa non abandonaría o taller ata a súa xubilación.

Dende aquela, Victorio faixe cargo do taller do Samertolameu, traballando todo a man, nos primeiros anos, e con xornadas de quince e dezaoito horas cada día, para el e para os da familia, pois os obreiros cumprían as horas estipuladas.

Ao longo destes anos, entre barcos da ardora, chalanas, botes, gamelas, barcos do xeito... do seu taller saíron a volta de duascentas unidades, a parte os arranxos que se fixeron nos barcos directamente.


En el taller de Victorio
Recorda Victorio, que as primeiras máquinas que entraron no taller chegaron a principios dos anos sesenta, que casualmente son as mesmas máquinas que aínda traballan hoxe.

Máis para adiante virían outras máquinas máis pequenas, que axudan a levar o traballo bastante mellor, pois ata alí para facer as cuadernas dun barco, traballábanse con serras portuguesas de aire e barrenábase todo a man, o mesmo que cepillar as madeiras.

O seu irmán Sabino, traballou con el no taller ata que como moitos veciños de Moaña decidiu buscar mellor vida fora, era un “boom” de marchar para Rotterdam.
Do taller de Victorio saíron embarcacións para todo o Morrazo, Arousa, Baiona, Nigrán ...

Ainda que tamén recoñece que cando o traballo escaseaba, pois había moitas carpinterías naqueles anos, el se poñía moi nervioso.

Neste medio tempo, Victorio Santomé Paz, casou con Jesusa González Gil, do matrimonio teñen seis fillos: Mª Jesús, Mª Victoria, Mª Olga, Juan, Victor e Gonzalo, estes dous últimos aprenderon o oficio traballando co pai no taller do Samertolameu.

Recorda Victorio, que despois viñeron uns anos de moito traballo, entón os fillos quedaron no taller a facer barcos pequenos e el alugou en Moaña o taller de Calrajo e alí sitúa o punto de traballo. Neste taller está doce anos facendo barcos máis grandes, lembra que no taller de Meira tamén se ten feito algún barco para traballar nas bateas.

SEGUIR LENDO >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados