|
|
|
A PRIMEIRA BATEA DE GALICIA
:: |
|
|
Sobre a orixe do cultivo do mexillón en Galicia atopei como versión máis difundida a que expón o biólogo e investigador do tema, Buenaventura Andreu: “En España o cultivo do mexillón sobre cordas colgantes iniciouse en Tarragona no ano 1901, estendéndose a Barcelona en 1909. En Galicia o primeiro ensaio industrial de cultivo a flote verificouse na ría de Arousa no ano 1946. Seguiuse como patrón o sistema utilizado en Barcelona, a onde se desprazou, na data indicada, D. Manuel Trigo, a quen se deben as primeiras experiencias.”
Outra versión é a que da o profesor da Universidade de Santiago, Francisco López Capont: “A pequena historia da miticultura galaica comeza coa primeira concesión oficial ao xuíz Moratinos para instalar -cara os anos trinta- unha batea en Bouzas (Vigo)”
Pois, nin foi na Ría de Arousa, nin en Bouzas. A aclaración a estas confusas referencias chegoume por parte dunha das persoas citadas, o Sr. Otero Moratinos, quen me aportou documentación e información con todos os detalles sobre tal feito, e que paso a relatar.
En 1932, Manuel Otero Moratinos, por aquel entón Secretario do Xulgado Municipal de Bouzas, viaxou a Barcelona onde ao ver os viveiros flotantes de mexillón, comezou matinar na posibilidade de trasladar a experiencia á ría de Vigo. Ao chegar a Vigo, xunto co seu amigo Pedro Vázquez de Puga e Pereira, estudaron o proxecto e decidiron solicitar autorización, a través da Axudantía de Mariña de Cangas, para instalar unha batea en augas próximas a Tirán.
|
|
A PRIMEIRA BATEA DE GALICIA FOI INSTALADA EN TIRAN :: |
|
|
No B.O.E. de 20 de Agosto de 1932, dáselle concesión por catro anos prorrogables, e detállase a situación:
“O viveiro será convenientemente fondeado en augas do distrito de Cangas (Ría de Vigo), na interseción das oposicións da Igrexa de Tirán coa Punta de Santa Trega (Guixar), e de Punta Rodeira con Punta Arroás. Amosará en sitio visible de todos os puntos do horizonte un taboleiro non menor de 1,20 m de longo por 0,60 m de ancho, no que se pintará por ambas caras e en cores ben destacados a palabra “Vivero”. Durante a noite e dende a posta de sol terá izada a luz de áncora regulamentaria”
|
|
Construíuse a batea utilizando como flotador un dos caixóns en que chegaban embalados a Vigo os coches que enviaba a General Motors, mercado ao Garaxe Americano por 300 pesetas.
Fondeouse a batea no lugar mencionado, quedando ao seu cargo o veciño de Tirán, Enrique Juncal Iglesias, máis coñecido polo alcume de “O Caranguexo”. Este home morreu a consecuencia dunha pulmonía que colleu ao tirarse ao mar, e tratar de salvar a batea que ía ao garete por mor do forte temporal que aconteceu o día 2 de febreiro de 1933.
A experiencia non foi longa, mais suficientemente significativa para ser considerada como pioneira do cultivo de mexillón en Galicia.
A historia do cultivo de mexillón en Galicia debe empezar así:
“En 1932 instalouse en Tirán, na Ría de Vigo, a primeira batea de Galicia, ...”
Autor del texto: Luís María Perez Gonzalez
Novembro de 2011
|
|