Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  O MUIÑO DE PAXARIN ::

Cando no ano 2.003 levei a cabo un inventario dos muíños de auga no noso concello, quedoume atrás este muíño, O Muiño de Paxarin.

Atopábase desfeito e envolto nas silveiras, por iso, non se miraba, e só quedou o descuberto coas obras da nova estrada do Morrazo, incluso foi reconstruído por petición dos donos. Este muíño está situado na parte baixa da finca que lle dá nome, no barrio da Meixoada.


Foto do Muiño de Paxarin

  A SUA ANTIGUEDADE SUPERA OS DOUSCENTOS ANOS ::
Texto: Luis Chapela Bermúdez

A súa antigüidade supera os douscentos anos. As pedras empregadas para a súa construcción foron traídas dos montes en carros de bois, eran pedras que se desfacían moito, de aí que as súas paredes só sexan de cachotes pequenos. Hai unha curiosidade digna de resaltar, o muíño cos anteriores donos de Paxarín estaba situado un pouco máis arriba, cara o monte. Cando en 1940 esta propiedade foi vendida aos donos actuais, o muíño foi cambiado para o lugar que ocupa actualmente, construíuse pedra a pedra tal como estaba, non obstante, aproveitando o traslado se lle puxo un mecanismo para que moera máis rápido, instalando unha caixa de bolas no rodicio, que só paraba cando non tiña auga. Ideouse ese sistema porque o que tiña anteriormente dáballe moitos problemas para moer, ía moi lento e a auga era escasa.

O muíño de Paxarín moía en exclusiva para a propia casa, pois xa se sabe a extensión de terreo sementado que tiñan nesta casa naqueles anos. Só tiñan dous días enteiros a auga, os mércores e os sábados, os outros días da semana a auga era para regar as veigas os veciños do Casal e da Meixoada.

A auga que facía traballar o muíño eran regatos que nacían no monte, entre o Outeiro e a Pedra da Pena, xuntándose nun regato coñecido como río da Bouza. Como o caudal era moi pobre, a familia de Paxarín, construíu un lago un pouco máis abaixo do nacemento do auga, na parte alta da finca. Dende aquel lago a auga baixa a toda velocidade por unha canle que ía directamente ao rodicio, pois o muíño non ten cubo, de aí que recibe a auga directamente. A caixa de bolas facía posible que acabara de moer antes de que o lago quedase sen auga, entón había que enchelo de novo. Máis dunha vez, como me ten contado Cándido, sendo cativos tapábanlle a auga cando estaban a moer, entón o home ía correndo alá arriba berrando con eles, que xa escaparan polo monte, aínda que as veces teñen levado algunha toleira por facer aquela trasnada.

Non deixa de ser un muíño curioso este de Paxarín, a pesares de que foi reformado hai pouco, o muíño non traballa seguramente dende hai unhas ducias de anos, polo abandono no que se atopa. No lintel, enriba da porta, ten unha marca a xeito de T ou F, que seguramente é marca de quen o fixo, pero na mesma parede en outra pedra, hai talladas varias cruces, tamén se conservan perfectamente a entrada e a saída de auga no muíño. O muíño de Paxarín, como outros, dormen no sono da memoria, cando noutro tempo foi peza fundamental daquela casa. Con el son noventa e un os muíños do noso pobo.

Delmorrazo.com - Marzo de 2007
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados