Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia
CAMBIO DE LUGAR DO FESTIVAL A NOITE DO TRASNO DEBIDO A OLEADA DE INCENDIOS QUE ESTA SUFRINDO GALIZA10-08-2006
Haz click para ampliar Os amplio la información:

Presidencia suspende a celebración de A Noite do Trasno en Cabo Udra

Mozas e Mozos traslada o Festival ó aparcadoiro anexo ó campo de fúbol de Bueu, preto de onde se instalará a zona de acampada gratuíta

A Consellería de Presidencia acaba de prohibirlle á Asociación Mozas e Mozos de Beluso, a través dun comunicado remitido ó Concello de Bueu, a celebración do Festival A Noite do Trasno no espazo natural de Cabo Udra, alegando como motivo o risco de incendio. O Trasno terá lugar finalmente no aparcadoiro anexo ó campo de fútbol de Bueu e a zona de acampada de balde instalarase preto da área de concertos.

O departamento autonómico informou da súa decisión a menos de 48 horas para o comezo do evento, pese ó amplo dispositivo co que contaba a organización e pese a que as causas dos lumes provocados destes días non gardan relación coas actividades de lecer. Tras meses de traballo, Mozas e Mozos levaba toda a semana preparando Cabo Udra para acoller A Noite do Trasno con toda a seguridade, contando con puntos de auga distribuídos polo recinto e medios coma motobombas ou o persoal do Concello, así como seguridade privada.

Ó coñecer a comunicación de Presidencia, os membros da Asociación puxéronse inmediatamente en contacto coa delegada provincial da Consellería, de quen só recibiron negativas. A única opción que lles quedaba ós organizadores era traspasar toda a montaxe cara o centro da vila, tarefa na que agora invisten todos os seus esforzos. Mozas e Mozos fai un chamamento ós seguidores do Trasno para que colaboren no traslado, ante a proximidade dos concertos.

Presidencia decretou ademáis a prohibición da zona de acampada, que Mozas e Mozos habilitara de balde fóra do espazo protexido de Cabo Udra. A nova ubicación da área de acampada vai ser preto do propio recinto dos directos.


Actividades e concertos

Aínda coas dificultades que a quinta edición de A Noite do Trasno está a atopar no seu camiño, a Asociación Mozas e Mozos de Beluso segue adiante coas actividades programadas para dinamizar a vida cultural da comarca. Toda a axenda do venres e o sábado se traslada, iso sí, ó centro de Bueu.

Os nenos serán mañá os primeiros protagonistas da xornada, con xogos na praia a partir das 19.00 horas. O monitor especializado Fran Estévez preparou unha serie de actividades, moitas delas acuáticas, para os trasnos máis pequenos.

Xa ás 21.00 horas, será o turno do baile tradicional coa actuación das dúas mellores parellas de Galicia. “Os Trasnos do Morrazo” –María e Xián- resultaron finalistas no concurso do programa Luar da TVG e en Bueu van estar acompañados polo dúo gañador, “Os Triquilleiros de Santiago”

A partir das 22.30 horas comezarán os concertos no escenario instalado ó lado do campo de fútbol con dous grupos mozos pero non por iso carentes de calidade. A banda J!t, de Cangas, busca achegarse ó rock máis clásico, cunha coidada composición e sarcásticas letras cantadas en castelán. Será logo o turno dos vigueses Travelers, unha formación de folc rock creada alá polo ano 2000 e que xa conta cunha primeira maqueta, ‘Folkterrier’.

Subirán despois ás táboas os compoñentes de La Kinky Beat, que repiten no Trasno co seu rock steady chegado dende Barcelona. Ata Bueu traerán cancións xa coñecidas e mais presentarán os temas do seu novo traballo, ‘One more time’.

O ska de Kogito tomará o relevo ben entrada a madrugada. Esta banda de Vigo continuará a festa cun directo cheo de ska, punk rock, reggae e mestizaxe, ó que se unen letras desenfadadas nun ton de protesta.

Unha Sesión Sound System clausurará a xornada.

O programa do V Aniversario do Festival A Noite do Trasno continuará o sábado no aparcadoiro anexo ó campo de fútbol de Bueu. Dende as oito da tarde celebraranse obradoiros e actividades, antes de que comecen os concertos ás 22.30 horas. Quempallou, Soak, Salida Nula e Banda Potemkin van ser os encargados de garantir a troula na noite que pecha a quinta edición do Trasno.
>> Ampliar datos TRASNIÑO


COMENTARIOS A ESTA NOTICIA

Re: cambio de lugar do festival A Noite do Trasno debido a oleada de incendios que esta sufrindo Galiza16-08-2006
Felicidades a todos polo concerto e as actividades a pesares do cambio de
ubicación, traballastes arreo para poñer todo a punto e saiu moi ben.
Felicidades e gracias en nome duns aficionados que vos siguen cada ano.
Amigos do Trasno
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados