Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  O Cine Veiga, máis que un cine::

Adeus á fábrica de sonos. O último cine de Moaña fecha as suas portas no ano 1998
O cine Veiga, a última das salas que se inauguraron en Moaña, xa naceu dun xeito especial, pois Manuel Veiga Calvar e María Teresa Alfonso Álvarez, que son os donos do cine, tiñan outra idea de negocio como era montar unha gasolineira, pero como a instalación era moi custosa e só lles daban unha concesión de trinta anos, botáronse para atrás.

Así, deste xeito retoman e levan a cabo o proxecto do cine Veiga, que foi deseñado por un arquitecto de Pontevedra de moita sona naqueles anos, e a obra foi feita pola empresa Construccións Ramirez.

O cine Veiga inaugurouse o 18 de febreiro do 1969, curiosamente o mesmo ano no que o home chega a lúa por primeira vez, aquelo semellaba un bo comezo para a fábrica dos soños que comezaba a andar. Ese día proxectouse a película Dominique, e foi de balde para todos os asistentes. O día seguinte xa comezan as sesións comercias habituais coa gran película Ivanhoe. Nos primeiros anos foi un éxito total, facíanse funcións toda a semana, menos os mércores e os venres, os martes e os xoves facíanse programas dobres, como moita asistencia de público.
A súa capacidade era de setecentos cincuenta asentos, os cales moitas veces eran escasos, e nos grandes cheos había que votar man das cadeiras pregadas, as cales se poñían polos pasillos. Outras ocasións de cheos a rebentar, había persoas que se sentaban nas escaleiras do anfiteatro cubertas con carteis de películas que xa pasaran polo cine.

Paco Veiga, contou que o día que mirou o cine máis cheo de xente foi cando se proxectou a segunda parte de Adios cigüeña, adios, unha película de Summers, a cal tiña o título de El hijo es nuestro. Non obstante, tamén houbo unha gran asistencia en películas como Papillón, Batman, Lo que el viento se llevó, Doctor Zivago... nestas tamén se esgotaron as entradas.

Seguramente non todos saberán que o cine Veiga na realidade foi un cine-teatro. Pois tiña bambolinas para decorados, concretamente doce, a tremoia e os camerinos polos cales pasaron artistas como Pepe Marchena, Pepe Blanco ou Antonio Molina, así como importantes compañías de teatro, tanto galegas como do resto do estado. Non podemos esquecer as grandes actuacións de cantautores galegos que se subiron ao escenario do cine Veiga, como o recordado Suso Vaamonde.

Chegados os anos oitenta a cousa comezou a afrouxar, e non só no cine Veiga, senón en moitas salas por toda Galiza, eran os momentos das novidades, vídeos domésticos, novas canles e novas televisións, así como as discotecas que comezaban a arrastrar a xuventude a novos hábitos lonxe do cine.
O cine Veiga, durante algúns anos foi o auditorio municipal que non tíñamos no pobo e seguimos sen ter, pois a parte das proxeccións das películas, facíanse representacións de obras de teatro, e leváronse a cabo un feixe de actos máis como poden ser festivais benéficos, concertos, mitins políticos, conferencias e charlas de todo tipo.

Non quixera esquecerme daquela muller que vendía as chucherías e aquelas milonxas con crema que sabían a gloria. Tiña o posto de venta no anfiteatro do cine, a muller chamábanlle a Ferrolana, cos seus cabelos brancos e o mandil por riba do vestido,
¡ E como contaba as pesetas con aquelas mans engurradas !!. Cando turrou con nós, que éramos rapazotes, cando nos descansos das películas todos queríamos que nos despachara antes que ninguén, son moitos recordos.

Durante trinta anos os heroes da fábrica dos soños, fixéronnos soñar no cine Veiga a varias xeracións de moañeses. Como xa dixen a mediados dos oitenta o cine entrou en crise, e o cine Veiga inevitablemente tivo que baixar o telón, faino no 1992. Pero dous anos despois, en 1994, a ilusión de Paco Veiga foi máis forte que a propia crise e conseguiu abrir de novo o cine, naquelas datas era o único cine que traballaba en Moaña.

En todo o Morrazo só estaban activos dous, o Veiga e o Galaxias, en Cangas.
A forza de vontade e o amor de Paco polo cine, fixeron que o Veiga seguira coas máquinas acendidas uns anos máis proxectando películas todos os fins de semana, Paco seguía ilusionado aínda que nalgunhas funcións non era capaz de cubrir os gastos.

Cando en decembro do 1997 se estreou a nova versión do Titanic a nivel mundial, Paco comezou a traballar para proxectar este mítica película no cine Veiga, tiña postas as ilusións de que podía volver a encher o cine como anos atrás.

Uns meses despois o Titanic xa estaba anunciada nos carteis, o día antes do seu estreo e traballando no cine para que todo saíra en perfectas condicións, Paco tivo un grave accidente que lle provocou a morte, polo que a última película non se puido proxectar.
O Titanic afundía de novo, nesta ocasión nun pobo mariñeiro como Moaña, e con el levou a aquel mozo namorado do cine. Outros pensamos que aquel día o cine Veiga encheuse de xente como nos grandes cheos para render homenaxe a Paco.

Os circuítos de teatro que comezaron a facerse en Moaña, e que levan o nome de Paco Veiga para honrar a súa memoria, foron os que clausuraron o cine definitivamente. Despois chegaron as máquinas e levaron por diante un anaco da historia recente de Moaña. Dicía Xan Cancelas, veciño de Moaña e amigo de Paco Veiga, o 6 de maio de 1998, nunha Tribuna Libre de Faro de Vigo, titulada In Memorian, Lembranzas de Paco Veiga que non se podería escribir a historia do cine en Moaña sen facer referencia a Paco, por todo o que aportou a través do cine ao pobo. Estou convencido que ten que ser así. Este pequeno traballo con toda humildade vai para aquel soñador.

O certo é que Moaña actualmente non conta cun só cine, ningún os distintos gobernos que pasaron polo concello en todo este tempo, tiveron a ben de adquirir para o pobo algúns dos locais emblemáticos que albergaron o Maravillas, o Prado, o Montefaro ou o cine Veiga, a pesares de que estamos sen auditorio e sen locais axeitados para desenvolver actos culturais de todo tipo.

Textos: Luis Chapela Bermúdez

Delmorrazo.com - Mayo de 2007

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados