Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  O Cine Prado ou de Leta ::
Aínda que dous días antes se pasara unha película para probar a máquina de proxección e verificar que todo estaba ben, foi o 19 de marzo, día de San Xosé do ano 1950, cando se inaugurou o cine Prado en Moaña. A película que tivo a honra de tal acontecemento foi Locura de Amor, un éxito total. Os domingos había tres funcións, ás cinco, ás sete e media e ás dez da noite. Anos máis tarde foi cando se empezou a facer unha función para os rapaces, entón eran ás catro, ás seis e ás dez da noite.

Pola semana había unha función cada día. Naqueles primeiros anos cando os mariñeiros tiñan que ir ao mar pola tarde, pasaban unha película pola mañá para eles. Naquel tempo a entrada para o cine custaba 1,50 pesetas, despois co paso dos anos foi subindo ata chegar ás 200 pesetas que custaba a entrada cando deixou de traballar.
O cine Prado tiña uns decorados e un acabados que nada tiñan que envexar aos mellores cines de Vigo no seu tempo, e por suposto, foi unha referencia en todo o Morrazo.
Tiña unha capacidade en butaca de seiscentas persoas sentadas, e no anfiteatro de trescentas vinte. Os donos foron sempre os mesmos mentres viviron, señor Eduardo Pérez e a súa dona señora Cándida, despois pasaría aos fillos. A xente que traballou no cine, tanto na venta de entradas, no control da entrada, os acomodadores e por suposto, na proxección, estiveron moitos anos prestando alí os seus servicios. Na proxección das películas estivo o fillo de señor Eduardo, Jorge, durante un ano e despois xa quedou sempre Manolo Piñeiro Sanluís, que foi encargado das proxeccións das películas durante trinta e cinco anos.

Recorda Manolo, que polo cine pasaron miles de películas, pois naqueles anos era un local moderno, coas últimas vangardas en todos os aspectos, era algo novo e distinto en Moaña. Aínda que pareza unha broma non o é, pois tiven acceso a esa información, é dicir, mentres non morreu Franco, tiñan que cubrir unha folla falando e opinando da película, neste caso facíao Manolo Piñeiro, pois a censura mandaba cortar.
Unha desas notas poñía “reducir la escena del matrimonio en la cama”, e noutra “cortar cuando el actor dice: me están jodiendo”. Outra película sufriu un corte cando se pronunciaba a palabra “cagada”.

Eran outros tempos, evidentemente, de aí se entende aquelo que se di que cando chegaban algunhas películas faltáballes a metade. Houbo películas que se proxectaron varios días, polo éxito que tiñan e incluso se teñen esgotado as entradas para algunha destas un día antes, recorda Manolo. Dicir que o proxector foi cambiado tres veces de sitio, pois o principio estaba na parte de abaixo, en butaca, despois pasárono para o anfiteatro. Máis tarde para a parte máis alta, e todo para gañar capacidade.
Manolo Piñeiro conserva nuns diarios, as películas e a asistencia a cada función, algunhas das películas de máis éxito foron: La violetera, ¿Dónde vas Alfonso XII?, Un hombre llamado caballo, Tiburón, Jesucristo Super Star e as películas de Carlos Gardel.

Aínda recordo que a primeira vez que fun ó cine Prado a unha función das catro, a película era de vaqueiros e chamábase “Puños de Roca”. Tamén, aínda fai pouco tempo, souben que parte da madeira que se empregou para facer o cine fora vendida ao señor Leta por meu avó de Berducedo. A partires de 1975, como outros moitos, o cine Prado comezou a perder xente nas súas funcións. Recordar que na sala do cine Prado, tamén se levaron a cabo funcións de teatro, nunha ocasión se dedicou unha semana enteira a un grupo de Madrid, chamado Alpema. Tamén festivais benéficos e incluso unha actuación estelar de Estrellita Castro, como se acostumaba a dicir: ¡ algo nunca visto !.

Cada vez que actuaba un cantante se lle daba o nome de Fin de Festa. Recorda Manolo, unha compañía catalana de ventrílocuos, que eran moi bos e tiveron moito éxito.
En tantos anos inevitablemente houbo moitas anécdotas, unha delas foi nunha ocasión cando se rompeu a cinta e comezou a arder, Manolo tivo que apagar o lume coa súa chaqueta, ninguén se decatou, volveu a encanar a película e para adiante. Recorda tamén cando xa nos últimos anos, caeu un anaco de escaiola do teito da zona de butacas, a xente apartándose pero a película no parou.

As últimas proxeccións no cine Prado foron en 1988, nese ano remataron definitivamente, cando cerrou o cine en Moaña, a familia seguía mantendo algunhas salas de cines en algúns distintos puntos de Galiza, e aínda hoxe teñen algunhas. Na opinión de Manolo Piñeiro, cando cerrou o cine Prado ou de Leta, o pobo de Moaña perdeu moito, incluso a nivel cultural, pois dalgún xeito era un referente para a xente. Esta sala espectacular en todos os sentidos, foille ofrecida ao concello por si o quería mercar para servicio do pobo, pero xa todos miramos como rematou.

Darlle as grazas a Manolo de Ruti e outra xente pola súa colaboración, pois o cine Prado ben merece un recordo.


  Cine Montefaro ::
Da man de Tucho Ferradás, veciño de Domaio, e propietario do cine Montefaro, recordamos a súa orixe. Corría o ano 1960, e o cura de Domaio naqueles anos era Arturo Freire Sequeiros, veciño do noso concello. Durante un tempo estivo ausente da parroquia, parece ser que por enfermidade, entón para substituílo mandaron a Saturnino Seijo Gamallo, co cal Tucho entaboou boa relación. Nunha ocasión comentoulle a Tucho que recibira unha propaganda ofertándolle un máquina de proxección de cine de 16 mm., animáronse e mercaron a máquina. Comezaron a proxectar as películas como “cine parroquial”, na casa de José de Casas, en Calvar, ao lado dos estaleiros.
Cando marchou o cura, Tucho Ferradás xa tiña todo en marcha para que o cine Montefaro comezara a funcionar, pois a cousa prometía. O cine Montefaro foi inaugurado o 8 de outubro de 1961, coa película Capri, houbo un cheo tremendo.
As funcións eran os sábados, unha, e os domingos tres, pola semana só pasaba unha película os xoves, e si algunha tiña moito éxito se lle daba un pase un luns pola noite.

Naqueles anos non era fácil, pois compartía cartel co cine Prado e máis tarde co cine Veiga. A capacidade do cine Montefaro era dunha capacidade de trescentas cincuenta persoas, pero nalgunhas películas houbo que poñer cadeiras ata as cincocentas persoas. Tucho era o que estaba na proxección das películas, para elo tivo que ir a Madrid a facer un curso de operador de cine, recorda que para a primeira película estivo un técnico dos que mandaron a máquina. O resto do traballo cando había función, facíano a familia.
Ao longo do ano a penas había diferencia de asistentes ao cine, un pouco máis no inverno, pero si había unha boa película, a xente acudía. Algunhas das películas máis soadas e que tiveran moito éxito eran as mexicanas e as de aventuras. Recorda Tucho, algúns cheos con películas como Bajo diez banderas, Lo que el viento se llevó, Ben-Hur, A pleno sol...

A sala de cine de Montefaro tamén foi aproveitada para celebrar festivais e outro tipo de actos. Na memoria da xente quedan actuacións como a de Carlos Acuña, cantante de tangos, tamén un coro de rapaces chegado de Madrid, chamados La Pandilla, e dirixidos por Ricardo Zeratto, este mesmo home escribiu cancións para cantantes como Juan Pardo, Julio Iglesias e tamén para Xil Ríos.
Outro grupo que tamén pasou polo Montefaro foi La Oca, de Madrid, e Los tres sultanes de Colombia, que segundo dixo Tucho foron dos primeiros que tocaron a cumbia en España. Eran actuacións que se intercalaban coas funcións do cine. No ano 1978 , Tucho Ferradás xa ten a decisión tomada, como era cerrar o cine Montefaro, xa non é rentable e as discotecas están en pena eclosión sacándolle clientes, e non só a este cine, senón a todos. A todo isto veulle acompañado unha nova lei que o obrigaba a facer unha declaración de control de taquilla, polo que as veces tiñas que pagar máis que o que recadabas, e iso puxo o punto e final ao cine.

Entón a parroquia de Domaio perdeu o cine e gañou un salón para facer bailes en datas sinaladas (Fin de Ano, Día dos Namorados, San Xosé...) incluso nunha ocasión se organizou un combate de loita libre no escenario do cine, os contrincantes eran Tarzán e Manolo Riobó, alias Pechazos, foi unha velada inigualable, onde a xente partiuse coa risa, lembra Tucho.

Así foi aguantando un par de anos ata que pechou definitivamente. Recorda unha anécdota dun señor de Domaio que estivera na Arxentina, e cando veu a cantar Carlos Acuña o home cando escoitou os tangos, levantouse todo emocionado e dixo unha palabras, pensando que aquel cantante era Carlos Gardel mentres choraba con toda. “Noutra ocasión pasoume a min mesmo, di Tucho, púxenme moi nervioso cando tiven que mercar cadeiras pregables para poñer nos pasillos, pois pensaba que me faría falla un só día, pero fixéronme falta máis dunha vez”. Recorda con nostalxia o primeiro cine que mirou en Domaio, “era un señor cunha cámara de proxección que percorría as parroquias, en Domaio, pasaban as películas nun local onde se facía o baile, na de Piñeiro, no barrio da Costa. Este mesmo home xa proxectara algunhas películas na Casa do Sindicato”, segundo lle contaran.

Tucho confesoume que sempre pensou que o cine duraría máis tempo, pero a modernidade nos pobos cambiou todo, incluso para desprazarse. “Sentín pena cando se pechou, pois empezara aquel proxecto co moito cariño”, afirma. Esta é unha historia que comezou Tucho Ferradás cando tiña trinta anos e remataba con cincuenta, un mozo que aínda tiña algunhas cousas que dicir, e así foi. A día de hoxe, con setenta e seis anos é capaz de contarnos cousas a través da música, a súa verdadeira e gran paixón, pero esa xa é outra historia.

Seguir lendo >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados