Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  A HISTORIA DO CINE EN MOAÑA ::
Hoxe, imos a entrar nas raíces ou na historia do cine en Moaña.

A información está recollida no pobo, a través dos donos das salas, familiares, traballadores e veciños.

Seguramente que cada veciño que viviu a etapa dos cines terá as súas propias vivencias e experiencias, e este escrito axudaralles a recordar, iso é o que se busca, recuperar a memoria dos cines en Moaña.


  UN PERCORRIDO POLOS CINES QUE FIXERON HISTORIA NO MORRAZO ::
No sótano do Gran Café de París, un Día dos Santos Inocentes do ano 1895, apagáronse as luces e o invento artístico máis importante do século XX comezaba a funcionar.
Era o nacemento do cine. Un espectáculo de masas que se move entre o arte, o negocio e o espectáculo. Entre aquelas primeira proxeccións se atopaba unha pequena historia de a penas uns minutos, que se considerou como a primeira comedia da historia do cine.
Así deste xeito, os irmáns Lumiere xa formaban parte da historia da humanidade co seu invento tan espectacular.

Co paso dos anos as salas de cine estendéronse por todos os rinchos do mundo.
Un estudio feito recentemente a nivel de Galiza, confirma que actualmente só trece concellos contan con salas de cine, cando no ano 2001 eran o dobre.
No referente ao Morrazo, actualmente a única sala de cine que está traballando é a de Seixo, en Marín, que leva moitos anos proxectando películas


  O CINE AMBULANTE ::
Parece ser que un veciño de Cela, Bueu, chamado García, tiña unha máquina de proxección de cine ambulante, comezaba en San Adrián e viña despois por Domaio, onde pasaba as películas na Casa do Sindicato.

Despois en Meira, montaba o cine na casa dos Pozonovos, en fronte onde hoxe está a farmacia.

Esa mesma casa sería coñecida anos despois como o Bolero, alí se facía o baile cando rematou a guerra.

Pero antes de que este veciño de Cela chegara coa máquina a Meira, na parroquia xa se tiña feito algunha función de cine mudo alá polos anos 30, na casa de Viñas, segundo recorda Chuco de Chamarrías, de Couso.


  O CINE MARAVILLAS::
O cine Maravillas ou de Pazos, en certo modo pódese dicir que foi o primeiro dos cines que tivo Moaña, alá polos anos 30, pois durante algún tempo traballou coa maquinaria do que si foi o primeiro.
Estaba situado nos casetos de mariñeiros, chamados de Pereira, ao lado onde hoxe está o surtidor de gasolina.

Era cine mudo, e as cintas duraban dez minutos, polo feito de que a máquina era de carburo e para que non se quentara tiñan que parar cada dez minutos. Este foi o primeiro cine.

Aquela maquinaria comprouna señor Pazos e reformouna un pouco, con ela comezou o cine Maravillas ao lado de Fontecán, concretamente na casa de Canicho.
As películas, por suposto, eran mudas, maioritariamente de Charlot.
Pasado un tempo o Maravillas o cambiaron para a estrada de arriba, o local xa era máis grande e as películas eran sonoras. A maioría delas eran de vaqueiros e en inglés, pois daquela aínda non se dobraban as películas.

O cine Maravillas foi unha gran novidade no pobo, que cambiou o rumbo de Moaña.
Os asentos para os espectadores eran bancos de madeira.

Grandes películas se proxectaron no Maravillas de Imperio Argentina, Estrellita Castro, Jorge Negrete, María Félix e Carlos Gardel, entre outros.
Comentan que cando morreu o Rei do Tango, a xente sentiuno moito, por suposto polas súas películas, e choraron por el, pois como dicía un veciño era un máis da familia.
Había películas que a xente seguía falando delas durante moito tempo, como María de la O, El derecho de Nacer, Bajo dos banderas...

Algúns días de proxección facían ofertas, coa entrada dun adulto podía acompañar un rapaz, a entrada custaba trinta e cinco céntimos de peseta. Un día destes, alá foron Lolo de Paz, o dono do bar Paz, que xa era un mozo, e levaba con el a Manolo de Ruti, entre os dous xuntaron os trinta e cinco céntimos, Lolo puxo dez céntimos de Manolo o resto, o ir a entrar no cine había tanta xente que lle dixeron que só podía entrar un, entón Lolo de Paz, díxolle a Manolo: “vaite para a casa que despois xa cha conto eu”. E no cine entrou o que menos cartos puxera para a entrada.
O cine era xunto cos bailes o único divertimento que tiña a xente naqueles anos, pois non había as cousas que hai hoxe. O cine Maravillas foi o comezo das salas de cine no noso pobo, e que máis tarde collerían o relevo outras.

Seguir lendo >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados