Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia
ALGO QUE MEREZA A PENA PARARSE A LER14-02-2010
Tamén no encontro da Rolda, Manuel Barreiro dixo que o nacionalismo debería centrarse máis na súa axenda propia e non tanto en ‘think tanks’ como é o caso de ‘La Voz de Galicia’...

Sería surrealista que a esquerda estivese guiándose por un think tank. Hai quen pensa que polo apelido é o rei de Galicia, e iso non é certo... Agora, en certa medida, é verdade que grupos mediáticos como La Voz marcan o paso, a axenda e a temática para o actual nacionalismo organizado. Iso é porque non fan, volto do revés, aquelo que lle dixo Fraga a un comerciante. Era un chiste de hai anos que contaba que un viaxante que ía por España pediu unha entrevista con Fraga e díxolle que nos periódicos se anunciaban moitas novas obras que logo nas súas viaxes el non vía. Fraga contestoulle: “Menos viaxar e máis ler periódicos”. Unha das miñas loitas na última fase na dirección do Bloque foi precisamente loitar contra iso. Xa está ben, a nosa axenda debémola marcar nós e La Voz que diga o que queira dicir... O problema tamén radica en que o nacionalismo organizado perdeu a interlocución cos sectores claves da sociedade. No 2001 eu xa dixen que un grupo como La Voz era o principal responsable, logo dos aparellos do Estado, do estrago da autonomía deste país. Nunha cita que tiven con Ramonet, este dicía que as organizacións políticas de esquerda con opcións de gobernar tiñan que deixar de facer programas electorais de vademecum e simplemente fixar tres ou catro liñas temáticas cruciais e que escoiten os grupos sociais .

Como ve o actual conflito que se xerou polas caixas galegas?

Primeiro de todo, hai que dicir que se a reforma do Estatuto non fose bloqueada todo sería moi distinto. Segundo, en 1996 houbo unha Lei de Caixas que entrou no Parlamento en outono do 95. Eu vivín todo ese proceso e falei moito con representantes das caixas. Teño que dicir, por certo, que nese momento as relacións foron moi fáciles con Caixa Vigo. Ben, nesa lei había unha norma, que coido que ao final adoptou a forma de disposición adicional, que instaba a que se creara na Consellería de Economía e Facenda un departamento encargado de facer o seguemento e o control para que as caixas cumprisen a lei. Se se tivese feito isto, como poderían as caixas entrar nesta deriva nos mercados financeiros?

Pero, como ve a nova Lei de Caixas de PP e Bloque?

A min no me parece mal a Lei de Caixas, o único que me parece é que non é o momento oportuno porque dá os poderes á forza hexemónica, non só a nivel da Xunta senón a nivel de país, que é o PP. Tamén me parece bastante difícil de explicar por que isto non se fixo cando se estaba no Goberno. Certo que a Consellería de Facenda non era do Bloque, que era do PSOE, pero un Goberno non é só unha xustaposición de poderes estancos. Logo, unha cousa é reformar a Lei de Caixas e outra ben distinta é asociala univocamente coa fusión. Son cousas distintas.

Fusión si ou fusión non?

A fusión non resolve nada que non se poida arranxar por outros métodos e crea un conflito. Na estrutura do capital de Galiza dos últimos 20 anos, na etapa da globalización financeira deixouse patente que había dous centros do capital: un era un centro de capital produtivo e outro de capital financeiro, un en Vigo, e outro na Coruña. As pautas de actuación das dúas caixas cando eran Caixa Galicia e Caixa Vigo, e incluso logo, cando houbo a unión das caixas do sur, representaban as dúas formas de capital. É a contradición entre o capital produtivo e financeiro. Por iso, ti non podes collelos e xuntalos.

Como de vello é realmente este problema das caixas galegas?

O problema das caixas vén de lonxe. Na lexislatura do 99 ao 2003 o alcalde de Vigo era Lois Pérez Castrillo, que era do BNG e estaba en coalición co PSOE. No 2003 invertíronse os termos e o alcalde pasou a ser Ventura Pérez Mariño. Non sei se recordades todo o que se montou entre iso e o problema da Deputación da Coruña, que estaba pendente dun acordo de coalición... Existía un marco de política municipal entre PSOE e BNG e foi cando pasou todo aquelo co urbanismo e o PXOM. Nese punto, o Bloque dixo que se Ventura Pérez Mariño non presentaba unha moción de confianza non apoiarían a Moreda na Deputación. Sabedes quen foi o que defendeu esa postura? O Beiras. Sabedes en que condicións? En solitario. A postura de Francisco Rodríguez Sánchez era que o de Vigo era unha cuestión local e que non se podía hipotecar a Deputación de Coruña por iso. Pero, que era o que estaba en xogo aí? Eu falei con Gayoso e con xente da cidade, con xente de Pescanova...dixéronme que esta era a primeira opción de ataque do norte sobre o sur. Detrás desta operación estaba o que eu logo denominei o ‘Cartel de Bergondo’. Nel estaban Paco Vázquez e o vazquismo, todo o mundo da construción dende o Jove ata o Fontenla, Caixa Galicia e La Voz. Era un asalto en toda regra, e ese foi o primeiro episodio do que hoxe estamos a vivir.

Cal é a solución logo para as caixas?

As caixas hai que facelas reverter ao tipo de operacións propias da súa natureza e do seu deseño. Logo tense que acabar iso de subir aos mercados financeiros internacionais para facer non sei que carallada. Iso non é propio de caixas e precisamente de aí é de onde veñen os andazos. Hai que garantir que as caixas estean integradas e articuladas co aparello do Estado galego, aínda que manteñan a súa autonomía. O importante é que sexan instrumentos dunha forza de creación de capital en Galiza. Por suposto, os centros de decisión das caixas deben quedar aquí. A partir diso, a fusión non resolve o problema e o que tampouco se pode facer é ir a piñón fixo con ela.

Como ve a alianza entre o PP e o BNG?

Chéirome que o PP de Feijóo non quere descubrir as cartas das súas negociacións co de Madrid, xa sexa o de Rajoy ou o de Aguirre. Ademais, aproveitou o osíxeno que lle deu o Bloque co seu apoio á lei e á fusión para ter un gran poder político. Mentres, deixa que o BNG e o PSdeG se dean de paos por este tema. Logo, se a cousa non vai pola fusión diralle aos socialistas: “Vós controlade isto que eu controlo isto outro”, e ao final Caixa Galicia para Caja Madrid. Están xogando, que non son nada tontos... Están a converter a fusión nun tema fundamental para o noso país, e non o é. O fundamental é que as caixas actúen como caixas e que o proceso de decisión siga aquí. A fusión está rompendo a sociedade e estanse a ver erros fundamentais de forzas políticas, como é o caso do Bloque.

X.M. BEIRAS
ALGO QUE MEREZA A PENA PARARSE A LER


COMENTARIOS A ESTA DENUNCIA

RE: ALGO QUE MEREZA A PENA PARARSE A LER14-02-2010
Jodeeeeeer!! que me dices de Pilar Rubio?
la rubia
RE: ALGO QUE MEREZA A PENA PARARSE A LER14-02-2010
Gran reflexión del señor Beiras. Cuanto se le echa de menos.
lector
1
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados