Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
click here
Indispensables
Donde ...
Guia
APORTACIóNS DO COLECTIVO NACIONALISTA AO PLAN XERAL DE ORDENACIóN MUNICIPAL DE MARIN19-01-2006
Haz click para ampliar Esta ano no estado español construiron-se máis vivendas que a suma das construidas na Franza, Alemaña e Itália xuntas, eso que ten unha povoación catro veces menor que a que forman estes tres paises. Segundo dados recentemente publicados nos meios de comunicación, na ria de Vigo os novos planeamentos urbanísticos preveen a edificación de 60.000 novas vivendas (Baiona, Nigrán, Cangas e Moaña) e en Galiza están previstas unhas 600,000 entre os próximos 5 e 10 anos na franxa costeira. A construcción de novas vias de comunicación, como a via rápida do Morrazo, facilita o acceso á costa e provoca un aumento da demanda de segundas vivendas. Estas urbanizacións están destinadas fundamentalmente a un mercado alleo, sendo vendidas moitas delas directamente fora de Galiza.
Actualmente a construcción de vivenda nova mostra un carácter fortemente especulativo, abandonando todo criterio de utilidade social e entregando-se ao benefício particular nunha fuxida cara adiante que os políticos de distintos partidos –frecuentemente en connivencia cos grandes capitais do negócio inmobiliario– non semellan querer nen poder conter.
Estamos asistendo ao traslado do fenómeno urbanistico-especulativo “típico” do mediterraneo as nosas costas. O modelo expansivo de construcción, as urbanizacións de chales adosados con vistas ao mar, xunto cos pelotazos urbanísticos e as recalificacións están á orde do dia.
Esta situación está levando a que nos concellos onde se da este fenómeno o prezo da vivenda se dispare e sexa tan alto que os naturais non poidan competir cos foráneos xa que non teñen a capacidade económica para mercar nunha desas maravillosas urbanizacións, como a que coñecidos futbolistas están construindo na Costa da Morte, ou teñen que endeudar-se de por vida. A expulsión do mercado ou a condena eterna cunha hipoteca que nos acompañará até o fin dos nosos dias son a alternativa.
Outra limitación que se está producindo é a do acceso da xente nova á vivenda. É prácticamente imposíbel que a povoación de menor idade poida mercar tendo que empregar cerca do 90% dos seus ingresos en pagar unha hipoteca polo resto da sua vida.
A redacción de novos Plans Xerais esta provocando que os políticos que governan os concellos, e as oposicións, sexan da cor política que sexan, parcelen o território non en función dun desenvolvimento sostíbel e beneficioso para os cidadáns garantindo unhas condicións de habitabilidade do território con zonas verdes e equipamentos, senón en base a acordos con grupos imobiliários.
O que está acontecendo en Cangas, é un bo exemplo de como funciona a relación política-construcción. Un governo municipal asina convénios especulativos para urbanizar até o límite, en terreos comunais de Aldán que están en disputa, provocando unha protesta veciñal que foi capaz paralizar e cuestionar a elaboración do novo PXOM. O Plan do concello de Moaña provocou un gran número de alegacións demostrando que distintas cores políticas entenden o urbanismo desde un ponto de vista económico e non social.

Construcción fora de control. Todo esto vai acompañado dunha total falla de control das obras que se realizan, teñan licéncia ou non, o que da lugar a infraccións clamorosas e denuncias públicas sen que se leve adiante nengun tipo de actuación. Os Concellos teñen obriga de facer cumprir a lexislación vixente en matéria urbanística e non deixar facer.
Este xeito de actuar está provocando que xurdan auténticas fabelas arredor dalgunhas praias de Marin. Os que teñen cartos poden delinquir xa que canto máis grande sea a obra máis probabilidades ten o infractor de non ser molestado. A apropiación de viais públicos convirte-se nunha cousa normal, chegando ao esperpento en Marin de impedir a asisténcia a persoas discapacitadas porque non deixan sitio para pasar ambuláncias.
Un desenrolo alleo ao desenvolvimento sostíbel. É anecdótico atopar algunha mención na redacción dos plans de urbanismo sobre a necesidade do emprego de enerxias renovábeis, como a solar, o emprego de materiais non contaminantes ou o cumprimento de normas enerxéticas para un baixo consumo. O deseño da alineacións deben ter en conta aspectos como o soleamento ou a protección de ventos frios, o que provoca aforros no consume enerxético das vivendas.
Na elaboración dun novo PXOM deberian ter-se en conta estes factores, integrando no mesmo as obrigas en matéria de instalacións solares nos edifícios novos. Debendo, ademáis, a administración local dar exemplo e implantar nas suas instalacións de xeito gradual paneis solares que suministren enerxia para lus e calefacción.
Outro aspecto fundamental é o fomento do transporte público. A comunicación das parróquias por este médio dunha forma eficiente pode liberar ao centro da vila de gran cantidade de coches e solucionar en grande parte o problema do aparcamento.
A tendencia nos “paises civilizados” é arrombar os veículos e saca-los dos centros das vilas e cidades recuperándoas para as persoas. Eliminamos un foco de contaminación e investimos en saude.

Os portos deportivos un elemento máis dun modelo especulativo. Están xurdindo por todo o noso litoral numerosos proxectos de construcción de portos deportivos. Desde as administracións, xa sexa a local ou a autonómica, tentan vendernos estas obras como unha gran inversión que nos vai dar moita riqueza cando a realidade que todos coñecemos é que nos portos existentes hai moi poucas persoas contratadas.
As consecuencias medioambientais da construcción deste tipo de portos son notórias ao pouco tempo de rematar as obras. En Sanxenxo, Aguete ou Beluso asistimos a un rápido deterioro das praias con perda e trasbase de area motivado polo cámbio nas correntes, conseguindo deteriorar os atractivos que realmente atraen aos visitantes como son as nosas fermosas areais. Esta situación tenta remediar-se, por exemplo, na praia de Silgar a base de continuos trasbases de area de outras zonas cun custe elevadísimo que temos que pagar todos nós.
Para qué serven e a quén? Estas obras fan-se normalmente para satisfacer a uns poucos privilexiados que teñen a posibilidade de ter o seu iate atracado todo o ano ao abrigo do mal tempo, e no vran dar-se uns paseos pola ria. A relación custe-usuários ou o deterioro medioambiental que provocan non compensa nen socialmente nen economicamente. Non se xustifica desde nengun ponto de vista investir uns cartos que poden ser destinados á sanidade, mellora das comunicacións das nosas vilas, educación ou calquer outro tipo de inversion máis productiva para a sociedade.
È de resaltar a atitude dos veciños de Cangas que paralisaron as obras do previsto porto deportivo en Masso, que tiñan intención de complementar unha megaurbanización para asi dar un paso máis na marbellización desta vila do Morrazo.

As vias de comunicación, unha articulación allea. As vias de comunicación non están deseñadas en función das necesidades do conxunto da sociedade. Fan-se en función de intereses económicos determinados, na maior das veces especulativos, como é a chamada via rápida do Morrazo. Non se fan vias de comunicación pensadas en articular as vilas e as parróquias, comunicarnos mellor cos nosos veciños ou intercomunicar Galiza. Canto nos leva chegar a Lugo? De Marin ao concello de Alfoz sete horas en diversos transportes públicos.
Tampouco se promocionan os medios de comunicación públicos como o tren ou o autobus. Hoxe só é posíbel ir de Vigo a A Coruña, ou vicecersa, e unha odisea tentar chegar a calquer outro ponto de Galiza en transporte público. A alternativa que nos plantexan e pola que pelexan todos os partidos políticos do “stablisment” é o tren de alta velocidade, o AVE, cando o que realmente necesitamos e un tren que sexa rápido, efectivo e que articule a nosa xeografia comunicandonos realmente entre nos.

Cultura e identidade, limitando e obstaculizando a construcción no rural. O modelo urbanístico que nos queren impoñer vai encamiñado a limitar a construcción nas zonas rurais aos particulares para provocar o éxodo ao centro urbano e polo tanto ter que mercar os pisos que nos ofertan constructores e imobiliárias.
A forma en que se construen as casas, a sua colocación no entorno que as rodea, tamén forma parte da cultura e a identidade dun povo. As maravillosas estampas da costa galega coas suas postas de sol, as suas chalanas nas praias e o verde das árbores é un atractivo que utilizan os inversores imobiliários para vender pisos aos estresados madrileños. Pero como se ven denunciando nalguns artigos publicados recentemente, esta postal pode desaparecer por culpa dos que a utilizan para vender as suas urbanizacións que están destrozando o noso litoral.


O PXOM de Marin.
A redacción dos Plans sempre se fai desde a máis absoluta opacidade até que non queda máis remédio que facer a obrigada exposición pública. O que acontece entre bambalinas non sae a lus. Qué está pasando coa redacción do Plan en Marin? Os veciños e veciñas de Marin descoñecemos que é o que se coce nas comisións de urbanismo, ou fora delas. Pero se os rumores son certos podemos prepararnos para ver o noso concello transformado nunha gran extensión de formigón e baldosa.
Onde están os modelos de participación cidadán que nos prometeron na campaña eleitoral? Onde podemos opinar sobre o desenvolvimento futuro do noso concello? É como podemos opinar se non sabemos o que están facendo 21 persoas en representación de 27.000?
É necesário que a sociedade demande claridade e que se fagan públicos os acordos a que se están dando na comisión de urbanismo por parte dos partidos políticos que están no concello. Sabemos que están chegando a eses acordos e queremos coñecelos, os cidadáns debemos saber que é o que cocen os que din representarnos. O Plan de Urbanismo vai modificar e ser o modelo para o futuro desenvolvimento do noso concello, e polo tanto os veciños e veciñas tamén queremos opinar.
Os nosos governantes deben dar a coñecer as liñas básicas do Plan, o número de polígonos e a sua ubicación, que terreos van recalificar, como vai quedar o noso litoral, como van ser os núcleos rurais e as suas zonas de expansión, que zonas verdes imos poder disfrutar (non contamos como zona verde as baldosas de algunhas prazas), etc.
Teñen que explicar que repercusións van ter para os veciños os polígonos é en función de que e para que van aparecer no Plan, xa que esta figura urbanística xa foi polémica no anterior intento de redacción e provocou bastente malestar. Van dar vía libre á pantasma legal do "axente urbanístico" e as ameazas das expropiacións privadas no Plan Urbanístico de Marin?
En definitiva, vai triunfar un deseño racional do território ou se vai transformar Marin nunha vila nova e distinta irrecoñecíbel.


Por todo o anteriormente exposto e polo que SOLICITAMOS:
1.Que se garanta a participación cidadán na configuración urbanística do noso concello, e cando falamos de participación cidadán non nos referimos aos grupos de presión que pretenden enchernos de asfalto en función da sua conta de resultados, abrindo o proceso á colaboración de todas as asociacións veciñais, culturais e deportivas, asi como achegando-se ás parróquias para que os seus veciños e veciñas poidan aportar suxestións.
2.Que se fagan públicos os acordos da comisión de urbanismo sobre o PXOM para que os cidadáns sexamos coñecedores de como os partidos políticos no concello están deseñando o futuro de Marin.
3.Un crecimento urbanístico ordenado e ecoloxicamente sustentábel acorde coas necesidades de desenrolo equilibrado do noso concello, evitando o deterioro acelerado do entorno natural e polo tanto mellorando a calidade de vida. É necesário regular e facer obrigatórias as instalacións de enerxia solar nas novas edificacións asi como a adopción de medidas de aforro enerxético.
4.Protección da conca do Rio Loira, zona de gran interese ecolóxico e paisaxístico, evitando a instalación de calquer parque industrial que deteriore o ecosistema do rio.
5.Eliminar do PXOM calquer proposta de retirar a protección aos Espazos Naturais para convertelos en solos de Protección Forestal (Montes do Morrazo actualmente protexidos polas Normas complementarias e subsidiarias de Planeamento provincial de Pontevedra da CPTOPV)
6.Desenrolo dun modelo de transporte que comunique as distintas parróquias entre elas e o centro da vila co obxetivo de reducir a utilización de vehículos particulares.
7.Regulación das intalacións de telefonia móvil, afastandoas das zonas habitadas cando menos 600 metros.
8.Estabelecimento efectivo da protección do noso litoral pois é a verdadeira riqueza coa que contamos para promocionar un turismo de calidade como se fai en moitos paises desenvolvidos.
9.Promoción da vivenda social fronte á vivenda “libre”, pois é obriga das institucións públicas facilitar o acceso a unha vivenda digna, cousa que hoxe en dia é discutíbel co elevado custe da vivenda.
10.Que se estabelezan gravamens ás vivendas que están desocupadas, 1796 en Marin segundo dados do INE do ano 2001.
11.Un urbanismo desordenado transformou Marin ao longo do século XX nunha vila allea á sua própria identidade mariñeira afastando-se do Mar. Abrir Marin ao mar é unha permanente reivindicación eleitoral de gran parte dos partidos políticos con representación no concello, esta aspiración ten-se que facer realidade.
Por iso demandamos a eliminación de todas aquelas edificacións portuárias que impidan ás vistas ao mar, e polo tanto que non sexan sustituidas por outras.
Demandamos que o espazo ocupado hoxe en dia pola Escola Naval sexa contemplado como parte integrante dese proceso de recuperación de Marin e non se permita a especulación urbanística das suas instalacións no deseño do novo Plan, xa que no futuro poden ser empregadas para prestar servizos ao conxunto da cidadania.

En Marin, 19 de xaneiro de 2006.

Á Corporación Municipal do Concello de Marin
Excmo. Sr. Alcalde do Concello de Marin
>> Ampliar datos Colectivo Nacionalista de Marin


COMENTARIOS A ESTA DENUNCIA

1
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados