 |
O Foro Social de Cangas entende que xa se rematou o replanteo acordado por Marina Atlántica co concello na xuntanza do día 18, polo que os operarios de Puentes y Calzadas deben retirarse da zona ata que se aprobe un planeamento urbanístico para o Salgueirón. Este planeamento deberá contar co respaldo social do pobo de Cangas. Na primeira xuntanza do Consello Sectorial de Urbanismo pediuse aos colectivos que presentaran suxerencias antes do 15 de decembro coa promesa de que Consultora Galega realizaría un preavance que se voltaría a someter ao Consello. Creemos que O futuro de Cangas tense que discutir de xeito transparente e aberto e a redacción do avance é o momento idóneo para iso.
Mentres non se decide unha ordenación concreta para o Salgueirón, o Concello, dentro das súas competencias, non debe permitir a execución de obras que pretendan presentar feitos consumados. Neste senso, dentro da competencia municipal sobre dominio público que detalla o artigo 196.1 da LOUGA, o concello de Cangas non debería conceder as licencias solicitadas pola sociedade Marina Atlántica ao fin de impedir a consolidación sobre o terreo dunhas obras de evidente ilegalidade ás que acordou opoñerse no acordo de goberno do 15 de xuño pasado.
Non debe esquecerse que as obras deste porto pretenden partir dun solo cualificado actualmente como rústico de protección de espazos naturais, non hai un Plan de Usos Portuarios aprobado nin un Plan Especial acordado entre o porto de Vigo e o Concello de Cangas, e existe unha finca de dominio público inscrita no Rexistro da Propiedade como se fora unha propiedade particular, por citar só algunhas das ilegalidades máis evidentes.
A data de hoxe o Foro Social xa ten recollidas unhas 2.200 sinaturas de cangueses/as que esixen que o porto deportivo non se constrúa e que os terreos do Salgueirón se afecten como zonas verdes para uso público.
www.cangasnonsevende.org
|