Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
online dating sites trinidad and tobago
Indispensables
Donde ...
Guia
PRIVATIZACIÓN DO MAR25-08-2007
COMENTARIOS AO INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA DO PLAN DIRECTOR DAS INSTALACIÓNS NÁUTICO DEPORTIVAS DEPENDENTES DO ENTE PÚBLICO PORTOS DE GALICIA

INTRODUCIÓN
Concordamos coa afirmación da introdución do informe que di que o Plan Director ten que ser a ferramenta idónea para definir de forma racional e xustificada as necesidades existentes e as mellores solucións para satisfacer esas necesidades.

OBXECTIVOS
Sen embargo, sen discusión previa, xa nos atopamos na primeira definición de obxectivos do Plan o obxectivo ineludible de aumentar o número de usuarios dos portos.
Reclamamos unha discusión previa das necesidades reais e dos impactos e consecuencias sobre o medio natural e outros sectores de indubidable importancia económica como pode ser o pesqueiro-marisqueiro.
Dende noso punto de vista, e debido aos exemplos cercanos e recentes de inadmisible impacto ambiental, destrución de praias e destrución de recursos pesqueiros e marisqueiros, pensamos que un obxectivo básico e irrenunciábel de este Plan ten que ser evitar totalmente calquera tipo de impacto ambiental negativo, obxectivo que pensamos que é totalmente factible e soamente supón un troco de mentalidade, abandonando a actitude puramente depredadora, inconsciente e destrutiva á que asistimos estes últimos anos, e tomando exemplo dos países punteiros do mundo no sector, como pode ser Francia.
O plan de portos deportivos propón a privatización da costa en base a concesións para amarres de embarcacións, estimadas, según o informe, nunhas 53.000 totais en 2020. Nada se dí de que 2 millóns longos de galegos NON contan con adquirir embarcación e que teñen dereito a unha costa non privatizada (os portos conlevan barreiras e áreas privatizadas ou de usos restrinxidos aos non usuarios).
Hai solucións como pudera ser o fomento do asociacionismo, vía clubes nauticos, con embarcacións compartidas entre os asociados, de xeito que unha mesma embarcación dé servizo a varios usuarios, en vez de que cada usuario teña unha embarcación que apenas utiliza ao longo do ano. O crecemento polo crecemento provoca destrución e desigualdades.

ALCANCE E CONTIDO DA PLANIFICACIÓN
Parécenos absolutamente pueril o análise presentado no informe, no que, en primeiro lugar, faise un reconto superficial do número de portos, obviando os pertencentes a Puertos del Estado, e sen detallar o número de amarres, o número de embarcacións nin a súa evolución nos últimos anos. Establece como número de embarcacións 18.964 (no ano 2005) e un número total de amarres de uns 11.500. Discrepamos neste último dato, por canto no informe anual de ADIN, Asociación de Industrias, Comercio y Servicios Náuticos, de octubro de 2006, fonte tamén citada no presente informe, lle adxudica a Galicia 7.166 amarres.
Non é a nosa intención entrar en polémicas, aínda que pensamos que Portos de Galicia debera ter e debera mostrarnos os datos exactos porto por porto, incluíndo os dos portos pertencentes a Puertos del Estado.
O informe preséntanos, de xeito absolutamente inexplicado, aínda que se refire a un Capítulo 4 "Estudio de la demanda", unha evolución cercana ao 6% anual, facendo unha previsión ano por ano ate o 2020 da flota residente e foránea, de unha precisión abraiante, 32.879 embarcacións no 2012 e 52.959 embarcacións no 2020, aínda que non explica moi claramente como pásase do dato de 18.964 do 2005 (procedente da Dirección General da Marina Mercante) ás 22.030 do 2006 (un incremento do 16,17% segundo informe, cando na primeira cifra se supón que non hai embarcacións foráneas).
Non fai referencia algunha á estacionalidade e uso real dos amarres.

DESENROLO DO PLAN
Do estudio comparativo con outros países, móstrase claramente que España ten a proporción mais alta de amarres por embarcación, 1,33 embarcacións/amarre co caso de España e 1,66 no caso de Galicia, mentras que países de referencia indubidable como Francia ou Suecia teñen 9 e 13,1. claramente, neses países apóstase polo incremento do número de embarcacións sen aumentar o número de amarres.

O informe presente da como boa a relación de 1,66 actual e fai o cálculo dos amarres necesarios segundo crecemento suposto da flota. Non hai que ser un mago das matemáticas para observar que mantendo o número actual de amarres, a flota podería crecer ate as 170.976 embarcacións (cifra cercana ao total do Estado) sen chegar á proporción existente en Francia.
Tamén do mesmo cadro comparativo, ollamos unha relación de 5,7 amarres por quilómetro de costa en Galicia na actualidade. No caso de Francia son soamente 1,3 e no de Suecia 3,4 , aínda tendo 1.360.000 e 1.200.000 embarcacións respectivamente.
Parece que nos atopamos cun Plan feito á medida duns intereses privados concretos, podemos mirar como asoma claramente o plumeiro cando pospón a creación de amarres en seco co argumento de que "es difícil cambiar los hábitos de la náutica en Galicia a corto plazo y que muchos proyectos presentados y tramitados no plantean la construcción de marinas secas".


EFECTOS AMBIENTAIS
Partimos da innecesariedade da ampliación do número de amarres, e da necesidade de ordenar correctamente os existentes e proceder á recuperación ambiental nos casos nos que actuacións anteriores produxeron afección sobre o medio natural.
Queremos recalcar a titularidade pública dos espazos sobre os que se construíron e se proxectan novos amarres. A comunidade posúe unha riqueza natural que non pode ser obxecto de compravenda, sobre todo nun tema en que son frecuentes os impactos ambientais irreversibles. Os intereses privados sempre primarán o beneficio sobre a conservación do medio, que é público, tendo os nosos representantes políticos o deber de salvagardalo e xestionalo con equidade. A creación de novos postos de amarre ou novos portos deportivos aparella a privatización de terreo público, afectando a importantes ecosistemas e producindo unha dexeneración na riqueza medioambiental galega que afecta directamente a outros sectores como pode ser o pesqueiro e marisqueiro, que mantén mais de 20.000 empregos directos (fontes da consellería de pesca) e é responsable de mais do 10% do P.I.B. galego.
Temos tristes e cercanas experiencias de impactos cualificados como "compatibles" por informes que non pasan da categoría de xustificación ou mero trámite e que producen a destrución irreversible de importantes e insustituibles ecosistemas.
O propio tono do presente informe xa augura que "se realizarán estudios", "se minimizarán impactos", "se pondrán las medidas correctoras necesarias", "se preverán medidas", e toda a colección de boas palabras e boas intencións que serven para enganar aos incautos e que non son mais que unha maneira hipócrita de certificar a destrución do medio ambiente.
Directamente non son aplicables afirmacións como as que aparecen decindo que a afección sobre a pesca voltará ao seu estado inicial unha vez rematada unha obra, ou que o impacto sobre o paisaxe vai ser "nulo". Pura e evidente palabrería.
Bótase de menos un análise de características do medio natural galego, da súa problemática, da súa fraxilidade e da súa importancia directa na economía. Non se propoñen alternativas nin se valora o pretendido beneficio económico con respecto ao que se destrúe nin o que poden representar os nomeados "dragados de trasvase" ou os posibles efectos destrutivos e/ou de rexeneración de praias afectadas.
Non se nomea a contaminación lumínica nin o impacto social ou ao patrimonio histórico.
A referencia a eliminar zonas de fondeo non controladas que afecten ao medio ambiente parece unha maneira cínica de culpabilizar usos tradicionais de mínimo impacto para obter a súa privatización.
Bótase de menos un análise do impacto dos portos e as propias embarcacións (ocupación de espazos, alteración de correntes mariñas, contaminación química, lumínica e acústica) sobre especies e biotopos mariños de importancia e en perigo, como por exemplo o Tursiop truncatus, ou arroas; o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), ou os fondos coralinos de maërl, (que precisan de entre 1.000 e 8.000 anos para medrar).
As rías galegas son unidades biolóxicas de por sí, que están a ser agredidas contínua e progresivamente por diversos factores relacionados coa actividade humana (portos pesqueiros e ampliacións, recheos para fins industriais, para paseos e zonas verdes,...) ó que se lle engade nos últimos anos a proliferación dos portos deportivos cos seus diques, zonas de recheo e puntos de amarre, que en conxunto están a alterar drásticamente a dinámica litoral, provocando a perda de areeiro nas praias e afectando irreversiblemente o medio mariño e a súa fauna, flora e fondos, e por derivación ás actividades humanas adicadas á súa extracción para o posterior consumo, convertíndose en global nun modelo de desenrolo as craras insostible de cara o futuro.
O Plan debera cumprir as recomendacións presentes no informe sobre actividades turísticas realizado no 2003 pola OSPAR Commision (Convención para la protección del ambiente marino del Atlántico NE), como a preservación do borde marítimo e a zona intermareal, a preferencia de non realizar obras de nova planta, a intervención dos agentes involucrados na xestión do litoral ou o control estricto e non indulxente das obras que afecten a este.
Tamén non podemos obviar que detrás da construcción de moitos dos portos deportivos, e exemplos pola costa galega sobran, subxace ante todo un interese económico especulativo, tanto na venda e posterior revenda dos puntos de amarre como na vinculación directa da infraestructura portuaria con proxectos urbanísticos inmobiliarios en terra, xestionados en moitos dos casos de xeito irregular (apoiados na ambiguedade da lexislación que regula o dominio público) senón ilícito e cun enorme impacto ambiental engadido.
Un tema que pensamos que ten que ser clarificado é a supeditación a este Plan dos proxectos e a planificación dos portos pertencentes a Puertos del Estado. Hai que recordar que un porto deportivo non pode ser declarado de utilidade pública e que segundo Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.30 se recolle a competencia exclusiva do Goberno galego para ditar normas adicionais, ou sexa, mais restritivas, de proteción ao medio e á paisaxe. Tamén, según o artigo 2 da lei 8/2001 de 2 de agosto, cando os recheos puidesen afecta-la conservación e rexeneración dos recursos mariños requerirase un informe preceptivo e vinculante ca consellería competente en materia de pesca, e iso afecta a calquer obra de calquer administración.

CONCLUSIÓNS
A falta de coñecer directamente o Plan, afirmamos que trátase dun plan elaborado á medida duns intereses particulares concretos, de beneficios a curto prazo, que significa un importante impacto ambiental asociado á xa forte presión da actividade humana no territorio e un paso máis no desmantelamento da pesca e o marisqueo en Galicia e na privatización da costa. Os seus redactores e valedores están a favorecer intereses privados e poden ser responsables da destrución irreversible do patrimonio natural galego, de destrución de emprego no sector pesqueiro e marisqueiro e da privatización do patrimonio común galego.
SOLICITAMOS a retirada do presente Plan e a presentación dun novo que conte coa participación real de cidadanía e sectores involucrados, que teña potestade sobre o conxunto dos amarres da costa galega e analice con seriedade a necesidade de novos amarres, a adaptación ambiental ou recuperación dos efectos dos existentes actualmente, chegando ao desmantelamento dos que están a resultar perniciosos e que plantexe un uso absolutamente público, racional, evoluído e responsable do noso litoral e nosa riqueza natural e etnográfica.

Cangas a 23 de agosto de 2007
foro social de Cangas


COMENTARIOS A ESTA DENUNCIA

1
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados