Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
modele message profil site de rencontre
Indispensables
Donde ...
Guia
DESPROTECCIÓN AMBIENTAL25-08-2007
COMENTARIOS AO PLAN DIRECTOR DE CONSERVACIÓN DA REDE NATURA 2000 EN GALICIA

ENORME PERDA DE SUPERFICIE PROTEXIDA
Co motivo do aparentemente inofensivo documento de inicio para a avaliación ambiental estratéxica do Plan Director de Conservación da Rede Natura 2000 en Galicia estámonos a decatar da proxectada desaparición de decenas de miles de hectáreas de espazos naturais protexidos.
Hai que facer un repaso no tempo das distintas leis europeas, estatais e autonómicas que foron regulando a designación e normativización dos espazos naturais para visualizar esta desprotección de zonas ate o momento protexidas e que nos dá unha idea da magnitude da destrución ambiental que estamos a sufrir, que podemos cualificar de histórica.
En 1989 aparece a lei estatal 4/89, do 27 de marzo, sobre conservación dos espazos naturais da flora e fauna silvestre.
Como aplicación en Galicia aparece o decreto 82/1989 do 11 de maio, que regula a figura de espazo natural en réxime de protección xeral. Este decreto é emitido pola Consellería de Agricultura da Xunta de González Laxe e crea o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.
Coa publicación da Orde do 3 de abril de 1991, a Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (José Cuíña) se dispón a entrada en vigor dos proxectos de revisión das Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Estas normas entraron en vigor segundo resolución desa consellería do 10 de xaneiro de 1990 e foron publicadas nos DOG núm. 13, 15, 16, 17, 18, e 20, do 18, 22, 23, 24, 25, 26, e 29 de xaneiro respectivamente, e incluían a definición, cartografía e normativa dos espazos naturais protexidos pertencentes ao Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia. O artigo 28 desas normas considera como usos permitidos nos espazos naturais:
"No ámbito de aplicación desta norma non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais que se protexen".
A Rede Natura 2000 é creada segundo a directiva 92/42/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais de fauna e flora silvestre. A lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, (Manuel Fraga), articula de xeito novo os espazos naturais, creando a Rede Galega de espazos protexidos, partindo de cero e sen definir qué sucede co antigo Rexistro.
A Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia número 95, do 19 de maio) dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da cartografía onde se recollen os límites dos 73 espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia número 69, do 12 de abril). En este decreto aparece a proposta de LICs e ZEPAs para formar parte da Rede Natura 2000, declara estes mesmos espazos como Zonas de especial protección dos valores naturais ZEPVN e os fai entrar na Rede Galega de Espazos Protexidos. Segue sen aparecer por ningures o Rexistro nin os espazos nel citados.
Coa Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004). , a Comisión Europea aproba os LICs e ZEPAs propostos, que entran a formar parte da Rede Natura 2000.
O documento de inicio actual móstranos a Rede Galega de Espazos Protexidos formada polas 384.108,7 Has das ZEPVN (LICs e ZEPAs) mais 8.495,8 do Parque Nacional das Illas Atlánticas, 40.894 de parques naturais, 308,5 de monumentos naturais e 7.749 de humedais protexidos, o que da un total sen solapamentos de 389.856,5 Ha.
Qué foron dos espazos do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia?
Que foi da protección ás 6.880 Ha da Serra de Argallo e A Groba, entre Baiona e A Garda?
Que foi da protección ás 4.482 Ha da Serra do Suido, entre as provincias de Pontevedra e Ourense?
Que foi da protección ás 3.735 Ha dos Montes do Morrazo e ás 542 da Carballeira de Coiro?
Que foi da protección ás 1.100 Ha das Penas de San Cibrán de Salceda (Porriño, Salceda, Ponteareas)?
Por qué deixan de ter calquera tipo de protección 110 Ha na Ramallosa (Val Miñor), 474 Ha en Monte Aloia, 248 Ha na Enseada de San Simón, 478 na península do Hio e a costa de Darbo en Cangas, 113 en Cabo Udra (Bueu) etc,etc..?
Máis de 20.000 Ha (hai 38.553 Ha declaradas LIC) que perderían toda a súa protección só na provincia de Pontevedra nun prazo de quince anos dende a súa declaración.
Non temos analizado en profundidade (o faremos) o que sucede no resto de Galicia, miramos o porto exterior de Ferrol situado no espazo natural 22 Cabo Prior, ou o porto exterior da Coruña no 25 Punta Langosteira; ou o 13 Cabo Vilán cheo de parques eólicos, pistas e piscifactorías; ou o 10 O Courel ameazado por infinidade de proxectos de canteiras e infraestruturas e cun enorme oco co respecto a superficie declarada anteriormente como protexida. Parece como se a declaración de espazo natural fora unha maldición e non unha defensa.

HAI INTENCIÓN DE PROTEXER?
Despois disto, ollamos que na introdución do documento de inicio presentado dentro do trámite de avaliación ambiental estratéxica fálase do importante dato de que o Estatuto de Autonomía galego recolle a posibilidade de ditar normas adicionais, ou sexa, mais restritivas, para a protección do medio e a paisaxe. Que temos que pensar dunha intención real de facelo?
Cando se fala de que a directiva europea DC 92/43/CEE crea una rede ecolóxica coherente que debe garantir o mantemento ou restablecemento dos hábitat. O estamos a mirar?
Estes son algúns dos hábitat que a directiva considera a protexer:
Augas mariñas e espazos intermareais
Bancos de area cubertos permanentemente por auga pouco profunda (prioritario)
Esteiros
Bancos de fango ou area descubertos na baixamar (prioritario)
Lagoas
Grandes enseadas e baías pouco profundas
Arrecifes
Furnas
Cantís marítimos e coídos
Cantís con vexetación das costas atlánticas
Marismas e pastizais salinos atlánticos e continentais
Dunas marítimas das costas Atlánticas
Auga estancada (estanques e lagos)
Auga corrente (as partes dos cursos de auga de dinámica natural e seminatural-leitos menores, medianos e maiores- nos que a calidade da auga non presente alteracións significativas)
Uceirais e matogueiras de zona temperada
Prados naturais
Desprendementos rochosos
Outros hábitats rochosos
Bosques da Europa temperada
Fragas mixtas carballo-olmo-freixo dos grandes ríos
Fragas galaico-portuguesas de carballo e cerquiño
Castiñeirais
Sobreirais
Tan só un 13% da superficie de Galicia pode entrar en algún de estes hábitat? E aínda así se vai a zonificar a superficie protexida con distintos graos de protección? Que pasa co resto do terreo non protexido? Nos van a poñer centrais nucleares?

OS MOTIVOS DA DESPROTECCIÓN
A Xunta de Galicia entre o ano 1999 e o 2004, durante o mandato do goberno anterior do PP, no intervalo en que durou a búsqueda dos espazos naturais galegos candidatos á Rede Natura 2000 en Europa, e tendo como referencia moitos dos espazos integrados dentro do Rexistro de espazos naturais protexidos elaborado pola COTOP no ano 1990, foi restando zona protexida na maioría, incluso chegando a omitir algúns deles, cando posuían as mesmas ou similares características bioxeográficas para ter sido incluídas dentro da mesma Rede Natura.
Non hai que ser moi corto de miras para que analizando o acontecido neses anos, observar que nese proceder tiveron moito que ver diversas condicionantes, non só de índole política, senón máis ben de conivencia coas de índole urbanística empresarial e baixo a presión económica do gran capital, para que esas zonas antes protexidas pola COTOP como solo non urbanizable de espazos naturais, non foran finalmente integradas nos espazos propostos pola Xunta de Galicia á Rede Natura: Proxectos de canteiras, parques eólicos, concentracións parcelarias, centrais e minicentrais hidroeléctricas, urbanizacións na costa, portos deportivos, piscifactorías, vías de alta capacidade, parques industriais...
Exemplos dabondo disto o tivemos dende a costa ata os espazos do interior, tanto da biorrexión atlántica como mediterránea, e aconteceu que as empresas do sector sabían que coa declaración deses lugares como Rede Natura non lles ía ser tan fácil senón imposible de levar adiante eses proxectos.
Na actualidade, resulta máis factible a autorización e posta en activo de algunhas desas obras e proxectos nos mesmos.
Ademais, na franxa litoral a maior parte do espazo definitivamente aprobado como LIC pola Rede Natura o 7 de decembro de 2004 é superficie mariña, adoecendo polo contrario da suficiente superficie terrestre.

A NECESIDADE DUNHA AMPLIACIÓN COHERENTE
Porén a maioría deses espazos naturais excluídos seguen existindo co suficiente terreo conservado, que cumpren as condicións para ser incluídos como ampliacións dos espazos Rede Natura xa existentes ou como novas incorporacións, feito que non contempla a Xunta de Galicia de cara ó inmediato futuro.
De non levarse a cabo máis ampliacións no máis inmediato futuro, entendemos que se vai deixar hipotecado ecoloxicamente o porvir de gran parte do territorio galego, deixándoo máis predisposto á voráxine destrutora da especulación urbanística e industrial; ata o punto de que estes espazos actualmente declarados poidan quedar como auténticas illas ecolóxicas por falla de corredores verdes, cos perigos engadidos que ademais iso conlevaría para a pervivencia de moitas das especies da súa fauna e flora: endogamia, maior predisposición a enfermidades e pragas, aumento da mortandade de fauna nas estradas e demais vías de comunicación dentro e fóra dos espazos protexidos por falla de espazo natural onde desenvolverse, . . Queremos unha rede non un arquipélago de espazos inconexos.

NECESARIOS LÍMITES AO DESENROLO
Estamos a falar de conservación, este non é un documento da consellería de Industria ou da de Pesca, ao falar de desenrolo sostible temos que poñer uns límites: calquera desenrolo sen límites acaba por esgotar todos os recursos ao seu alcance. (Ver conferencia do Profesor Albert Allen Bartlett, Reflexións sobre sostenibilidade, aumento da poboación e medio ambiente, Population & Environment Vol 16 nº 1,1994)
Da lástima escoitar no documento frases como a de "fuxindo de pretensións inviables" que xa nos parecen ir preparando para un uso intensivo e sempre "integrando os obxectivos concretos de conservación coas esixencias económicas, sociais e culturais" dos recursos naturais.
A lei 9/2001 fala nos seis principios inspiradores (art. 2) do fomento da participación pública e da asunción dunha responsabilidade compartida na conservación. Nos queremos mirar isto como dereito a que se teñan en conta estes nosos comentarios e se preserve a importancia da conservación e non só da explotación dos recursos, que hai que remarcar sempre que teñen un caracter público.
Regular parece simplemente certificar a destrución, legalizala. Mentras os actuais responsables da protección do medio ambiente non mostren unha labor real que faga creíbles as súas palabras, e para iso é fundamental feitos, e ademais de feitos, transparencia ( a directiva DC 92/43/CEE fala da conservación como un obxectivo esencial que reviste interese xeral, tal como expresa o artigo 130R do Tratado Europeo, que expresa como obxectivo alcanzar un nivel de protección elevado ), seguiremos a pensar en que este tipo de normativas non é máis que un intento de maquillar unha explotación sistemática de recursos que esquece o interese xeral e esgota bens medioambientais irrecuperábeis.
Tamén ven expresado na directiva DC 92/43/CEE que en algúns casos o mantemento da biodiversidade pode requerir o mantemento e mesmo o estímulo de actividades humanas. Nada disto se mira reflexado en este documento de inicio, que mais ben parece que considera o termo sostible como panacea a todo aplicable.
Nos reservamos o dereito a solicitar directamente á Comisión Europea a declaración de zonas determinadas que puideran coincidir coas que agora quedarían desprotexidas para a súa declaración directa por parte da Comisión Europea (contemplado na directiva DC 92/43/CEE ).

Cangas a 23 de agosto de 2007
foro social de Cangas


COMENTARIOS A ESTA DENUNCIA

1
    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados