DENUNCIA DO COLECTIVO NACIONALISTA ANTE O VALEDOR DO POVO
10-03-2005
Solicitamos a intervención do Valedor do Povo ante a situación do património histórico en
Marin
O Colectivo Nacionalista de Marin apresentou un escrito ante o Valedor do Povo informando
da situación do património histórico en Marin e no Morrazo. Máis concretamente informamos
das actuacións das administracións á hora de realizar obras de infraestrutura e a
destrucción de xacementos que están provocando.
No que atinxe a Marin, informamos ao Valedor da concesión dunha licéncia de obra na Illa
do Santo, en Ardán, por parte do Concello sen que este tive-se en conta a lexislación
vixente.
Concretamente a Lei 8/1995, de 30 de octubro, do Património Cultural de Galicia foi pasada
por alto á hora de conceder esta licéncia, cando é de obrigado cumprimento para realizar
este acto administrativo a elaboración dun informe por parte da Conselleria de Cultura.
Polo tanto entendemos que o Concello de Marin concedeu unha licéncia que non é legal.
Confiamos que desde a institución do Valedor se faga unha chamada de atención a estas
administracións que actuan sobre o noso património histórico e modifiquen a sua forma de
actuar actual de “demolición” de xacementos.
Marin, 10 de marzo de 2005.
Escrito apresentado ao Valedor do Povo
Dentro do abundante património arqueolóxico con que conta o concello de Marin, na Illa do Santo situada na parróquia de Ardán, existen os restos da edificación da Capela de San Clemenzo ou San Clemente.
Recentemente foi concedida licéncia urbanistica por parte do Concello de Marin a un particular para a realización dun "muro de contención" no entorno da Illa. A propriedade destes terreos parece ser que non está moi clara, polo que podemos atoparnos ante unha situación na que se pretende facer un uso privado dun ben público ante a pasividade da institución municipal. Hai que destacar que a licéncia municipal foi dada sen que o solicitante aportara documentación acreditativa da propriedade.
Non temos coñecimento de que, tal e como é obrigado pola Lei 8/1995, de 30 de octubro, do Património Cultural de Galicia, se solicitara informe ou valoración da Conselleria de Cultura para a aprovación desta intervención no entorno da Illa do Santo.
O pasado 26 de xaneiro de 2005 apresentamos ante a Delegación Provincial da Conseleria de Cultura de Pontevedra un escrito denunciando a situación de ilegalidade na tramitación da licéncia de obra. No escrito demandabamos deste organismo que solicitara ao Concello de Marin o expediente urbanístico referido á actuación na Illa do Santo de Ardán, e no caso de que a construción do "muro de contención" resultara perxudicial para a conservación da património histórico e arqueolóxico se procedera ás actuacións recollidas na lexislación vixente para preservar a Illa do Santo e o seu entorno.
A Delegación Provincial contestounos, con data do 2 de febreiro, que a Xunta de Galicia tiña inventariado o xacimento arqueolóxico, coa clave GA36026031, denominado Xacimento Medieval da Illa do Santo do Mar. Indicaba que o Concello de Marin ten constáncia da existéncia deste xacimento, e que procedia a solicitar do mesmo cópia do proxecto da obra para que a Comisión Territorial do Património Histórico poidera emitir o seu respectivo e obrigado informe.
A dia de hoxe o Concello de Marin ainda non apresentou a documentación solicitada pola Conselleria, sendo enviado un novo requerimento.
Esta é unha máis das continuas agresións ao património arqueolóxico que se veñen producindo en Marin e no conxunto do Morrazo provocadas por particulares, pero moi especialmente por parte da própria administración (municipal ou autonómica). A construcción da denominada Via rápida do Morrazo e da Circunvalación a Marin provocou a destrución de importantes xacimentos arqueolóxicos.
Relación de alguns dos xacimentos afectados por estas obras:
Petroglifo de Pinar do Caeiro, Marin
Mámoa de Pedralonga, Marin
Castro de Montealegre, Domaio - Moaña
Petroglífos Pedra do Návio, Moaña
Petroglifos Chan do Caeiro, Moaña
Petroglifos As Meáns, Moaña
Petroglifos Pozo Garrido, Moaña
Castro das Cidades, Moaña
Petroglifos de Gondarán, Cangas
Castro de Pedralán, Cangas
Castro de Liboreiro, Bueu
Por todo o anteriormente exposto, é polo que solicitamos a actuación do Valedor do Povo para:
Que demande ao Concello de Marin o cumprimento da legalidade vixente na actuación da obra da Illa do Santo e colabore coa administración competente, neste caso a Conselleria de Cultura.
Que consideramos que as continuas agresións ao noso património histórico deberian ser cuestión de estudo por parte da institución do Valedor do Povo e, polo tanto demandar da Conselleria de Cultura que de conta das actuacións efectuadas nas obras da Via Rápida do Morrazo e da Circunvalación a Marin, asi como demandar unhas actuacións máis respetuosas e conservacionistas sobre este insustituíbel património.
RE: DENUNCIA DO COLECTIVO NACIONALISTA ANTE O VALEDOR DO POVO
12-03-2005
hanse cargar todo o que atopen por diante e despois diran que o fan polo progreso,xa o miradedes.
Suso
RE: DENUNCIA DO COLECTIVO NACIONALISTA ANTE O VALEDOR DO POVO
13-03-2005
Si, desde luego parece una confabulación para cargarse todo lo que se encuentran por delante
¿ Que planes maquiavélicos, además de los que ya conocemos, tendran previstos para esta zona del Morrazo ? Da miedo solo de pensarlo ...